A denominación de pobos prerromanos da Península Ibérica define colectivamente ás comunidades culturais que habitaban o territorio peninsular nos períodos previos á conquista romana no I milenio a.C. (Idade de Ferro). Naquela altura a chegada de diversos pobos influíu nas culturas autóctonas da Península ata conformar tres áreas culturais diferentes: os indoeuropeos influíron nas culturas do norte e do occidente peninsular; doutra parte, no sur e no levante, os pobos colonizadores do Mediterráneo (gregos, fenicios e cartaxineses) marcou a iberos e a Tartessos; mentres que os pobos meseteños, tiveron influxos tanto mediterráneos como indoeuropeos.
Dentro destes pobos destaca a cultura castrexa dos galaicos, no noroeste peninsular. Os castros son os vestixios máis importantes deste pobo prerromano, situados en altos rodeados de murallas e foxos, presentaban un sentido urbanístico e vivendas circulares de pedra e teitos de palla. Algúns dos mellor conservados son o de Santa Trega (A Guarda), a citania de Briteiros (Guimarães) e Mouguías (Asturias).[5][6] Estes desenvolveron unha intensa actividade mineira de estaño e ouro en Galicia, o que favoreceu o comercio con gregos e fenicios así como con outros pobos do Atlántico europeo.[7][8] Socialmente organizábanse en clans unidos por lazos familiares, varios deles formaban tribos e presentaba certa xerarquización social predominando unha caste guerreira.[9]
Pobos do sur e do leste
Iberos
No sur e leste, os iberos estiveron influídos polos pobos do Mediterráneo oriental (gregos e fenicios). Vivían en núcleos amurallados con carácter urbano próximos ás rutas comerciais como Castellar de Meca (Valencia) e Cástulo (Xaén).[10][11] A distribución era regular con vivendas rectangulares con muros de adobe e palla sobre un zócolo de pedra.[12] Socialmente organizábanse en tribos cunha xerarquía baseada no poder económico e militar (caudillos).[13] A economía ibera dependía da agricultura (cereal, vide, oliveira, liño e esparto) que combinaban coa explotación mineira e ourivaría. Mantiñan intensos intercambios comerciais con gregos e fenicios cuxas inflencias marcaron a relixión, o desenvolvemento dun sistema de escritura e o uso da moeda.[14] A decisiva influencia oriental tamén se plasma nas manifestacións artísticas como a Dama de Elx ou Baza.[15][16]
Tartessos
No sur destacou tamén a cultura de Tartessos. Esta desenvolveuse entre o ano 1000 e 500 a.C tendo como centro as zonas de Huelva, Sevilla e Cádiz. Mantiveron un grande comercio con gregos e, sobre todo, fenicios, cuxa influencia mostra o modelo social aristocrático e a escrita. Esta cultura destacou pola minaría de prata e ouro e unha rica ourivaría como amosan os tesouros de Aliseda e El Carambolo.[17][18] As causas da súa desaparición son descoñecidas e ausencia de xacementos arqueolóxicos concluíntes reforzan o carácter enigmático de Tartessos.[19][20]
Pobos do interior
No leste da Meseta e no Sistema Ibérico, o contacto entre celtas e iberos, orixinou a aparición dos celtiberos.[21] Este pobo practicaba a agricultura, a gandaría e a produción de ferro. A influencia ibera maniféstase no uso de moeda e na adopción do seu alfabeto, a celta reflíctese nunha sociedade xerarquizada e guerreira. Como xacementos destacan os poboados foritificados de Numancia e Bílbilis.[22] Dentro destes pobos destacan os arévacos, pelendóns, beleielos, tittos, lobetáns e lusóns.[23]