Plan Galicia

Palacio de María Pita, sede da casa do concello da Coruña, onde se celebrou o Consello de Ministros que aprobou o Plan Galicia.

O Plan Galicia foi un conxunto de medidas económicas aprobadas polo Consello de Ministros o 23 de xaneiro de 2003, co obxectivo de paliar as consecuencias da catástrofe provocada polo naufraxio do Prestige o 19 de novembro de 2002.

A cantidade orzada, 12.459 millóns de euros, representaba case o dobre do orzamento anual da Xunta de Galicia (tamén o dobre do investimento estatal na Expo'92 en Sevilla e dez veces máis có da Olimpíada de Barcelona [1]).

O Plan Galicia presentouse como complementario do aprobado días antes pola Xunta, por un valor de 1.663 millóns de euros.

Obxectivos do Plan Galicia

A fin de recuperar a economía galega tralo duro golpe que supuxo a marea negra tanto nos sectores económicos directamente relacionados co mar (pesca e marisqueo) como naqueles relacionados indirectamente pero que tamén se viron prexudicadas trala catástrofe, o goberno de Aznar celebrou na Coruña un Consello de Ministros extraordinario onde se aprobou un ambicioso conxunto de axudas e posta en marcha de diferentes iniciativas coas que se pretendía superar as consecuencias medioambientais, sociais e económicas derivadas do Prestige. As distintas medidas aprobadas incluían as axudas directas ós sectores afectados polo cesamento da actividade.

Os seus obxectivos eran:

  • Rexeneración medioambiental das zonas afectadas.
  • Promover o reequilibrio e a cohesión territorial a través de novas infraestruturas que sirvan para potenciar o desenvolvemento económico de Galicia.
  • Potenciar o investimento produtivo en Galicia.
  • Diversificación sectorial da actividade económica, promovendo o desenvolvemento de novos sectores.
  • Potenciar a imaxe de Galicia.

Estruturouse en 13 sectores e comprendía diferentes actuacións, entre as que se poden citar:

  • 1.000 millóns para a rexeneración da costa (500 para actuacións no mar [2], 350 para a rexeneración do litoral, 75 para o Parque Nacional das Illas Atlánticas e outros 75 para outros proxectos).
  • 676 millóns para autovías interiores (Pontevedra-A Cañiza e Chantada-Monforte).
  • 2.946 millóns para novas liñas de trens de Alta Velocidade (Corredor ferroviario do Cantábrico Ferrol-Bilbao, conexión Ponferrada-Monforte e o tramo Lugo-A Coruña).
  • Porto exterior da Coruña.
  • Liña de préstamos brandos ICO (Instituto de Crédito Oficial) a interese cero ou baixo interese, para reparar ou repoñer as instalacións danadas ou para o financiamento de novos investimentos.
  • Programas de incentivos rexionais e de desenvolvemento rural.
  • Posta en marcha de novos parques e polígonos industriais nas zonas afectadas.
  • Construción dun buque de investigación oceanográfica.
  • Axuda a programas de investigación en materia de prevención e loita contra a contaminación mariña.
  • Facilitar o acceso a Internet nas escolas, nas bibliotecas e no rural.
  • Aumentar as axudas á educación (bolsas de estudos pre e posdoutorais) e ás universidades para formación e investigación e material e infraestruturas relacionadas coa investigación medioambiental.
  • Campaña de promoción nacional e internacional da imaxe dos produtos galegos, particularmente os relacionados co mar.
  • Axudas fiscais para as actividades económicas desenvolvidas nas áreas afectadas.
  • Plan de excelencia e dinamización nas zonas afectadas (Costa da Morte, O Salnés e Ribadeo), incluído un Parador na Costa da Morte. Desenvolvemento de campañas de promoción nacional e internacional de Galicia como destino turístico.
  • Prioridade a Galicia para a organización de congresos e eventos públicos organizados pola Administración durante 2003.

Reaccións políticas

A principal crítica formulada polas forzas políticas da oposición foi a ausencia de prazos temporais, que convertían o Plan nunha declaración de boas intencións e mera propaganda do Goberno. Nestas condicións resulta imposible valorar o grao de cumprimento ó longo dos anos [3].

"O Goberno veu a Galicia a presentar unha mera declaración de intencións para limpar a súa mala conciencia. ... Non define nin calendario de actuacións, nin prazos de execución de ningún dos proxectos nin compromete as modificacións orzamentarias necesarias nin sequera para os próximos tres anos".
Pérez Touriño, 25.01.2003 (La Voz de Galicia, 26.01.2003).

Por outra banda, só o 40% do Plan correspondía a novas actuacións mentres que o 60% restante recollía iniciativas previstas -e orzadas- xa antes da catástrofe, que agora se presentaban como novidades. Así, por exemplo, a autovía Pontevedra-A Cañiza xa fora prometida polo PP dez anos antes.

O Consello de Ministros no que se aprobou celebrouse no Palacio de María Pita, casa do concello da Coruña. Entre o público asistente á roda de prensa subseguinte estiveron presentes Fraga, Paco Vázquez (alcalde da Coruña) e Martín Villa (nomeado días antes Comisionado do Goberno para a catástrofe do Prestige).

Paco Vázquez, que ademais de actuar como anfitrión dos ministros se sentou con eles na roda de prensa e posou para a foto de familia do gabinete, declarouse orgulloso e honrado pola celebración do Consello na cidade e loubou as conclusións. Na mesma rolda de prensa, Aznar anunciou a concesión da Gran Cruz das Orde de Isabel la Católica ó alcalde, agradecéndolle a súa hospitalidade

"El Plan Galicia coincide básicamente con lo expresado por Zapatero un día antes, lo que significa la existencia de un claro compromiso político por parte de todos los partidos"
Paco Vázquez, 25.01.2003 (La Voz de Galicia, 26.01.2003).

Beiras, portavoz do BNG, asegurou que o plan era "unha tomadura de pelo" e que "O PP pensa que pode comprar ós galegos".

Fronte ó Palacio, un grupo de manifestantes convocado por Nunca Máis [4] expresou a repulsa contra o Goberno e contra o propio Paco Vázquez e intentaron infrutuosamente entrar na praza de María Pita, o que evitou o forte dispositivo policial; 45 bandeiras de Nunca Máis ondeaban nos balcóns da praza.

Paco Vázquez foi o único socialista que se desmarcou da protesta da oposición contra o Goberno, o que provocou o seu distanciamento definitivo de Rodríguez Zapatero (secretario xeral do PSOE desde o 2000). No 2006 foi nomeado embaixador ante a Santa Sé no Vaticano [5] e regresou á Coruña no 2011, cando foi cesado no cargo, pero xa sen ningún protagonismo político.

Notas

  1. La Voz de Galicia, 25.01.2003.
  2. É dicir, o pago ós buques anticontaminación que operaron no mar e ós mariñeiros que recolleron o fuel, pero non contempla o gasto da recuperación do fuel que quedaba no pecio, cuxo importe se descoñecía nese momento.
  3. O parador prometido en Muxía construiuse, efectivamente, pero ó cabo de 20 anos, e foi inaugurado no 2022 ("El parador de Muxía se inaugura oficialmente 28 meses despues de su apertura al público", en La Voz de Galicia, 23.10.2022).
  4. 1.000 segundo a Policía nacional, 3.500 segundo a policía municipal, 7.000 segundo os organizadores (La voz de Galicia, 25.01.2003).
  5. "Zapatero nombra al alcalde de A Coruña nuevo embajador ante el Vaticano", artigo en El País, 11 de febreiro de 2006 (en castelán).

Véxase tamén

Bibliografía

  • Prensa da época. La Voz de Galicia (especialmente, 25 e 26.01.2003), e El País (24.01.2003 [1].
  • Plan Galicia 2003 (folleto oficial pero sen data nin sinatura).

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!