Pioneer 11 tivo a súa máxima aproximación a Xúpiter o 3 de decembro de 1974, pasando a 43.000 km do planeta, mentres que pasou a só 21.000 km de Saturno o 1 de setembro de 1979, obtendo as primeiras imaxes deste planeta desde as súas proximidades. A sonda continuou o seu camiño, alcanzando a velocidade de escape do Sistema Solar e dirixíndose cara ao espazo interestelar a unha velocidade de 2,5 Unidades astronómicas por ano.[2][5][6]
Os obxectivos da Pioneer 11 foron, en Xúpiter e Saturno, estudar as súas atmosferas, campos magnéticos, lúas e aneis, e na súa viaxe interplanetaria, facer medicións do campo magnético do Sistema Solar, do po interplanetario, do vento solar e dos raios cósmicos.[2][5][6]
Nave
A nave estaba formada por un corpo principal hexagonal de 36 cm de altura e con lados de 71 cm de lonxitude formado por tubos de aluminio e boro con epoxy situado baixo unha antena parabólica de alta ganancia de 2,74 m de diámetro co alimentador da antena a 1,2 m de altura sobre o cal, á súa vez, ía montada a antena de media ganancia. Dun lado do hexágono saía un compartimento coa instrumentación científica, mentres que antena de baixa ganancia colgaba do corpo principal a uns 76 cm en dirección oposta á antena principal. A enerxía para a nave era producida por catro xeradores termoeléctricos de radioisótopos (RTG polas súas siglas en inglés) modelo SNAP-19 situados a pares a 3 m do corpo principal e separados 120 graos entre si. Os RTG producían 155 vatios de potencia ao inicio da misión, 144 vatios no momento do achegamento a Xúpiter e 100 vatios en Saturno. Do compartimento de instrumentación estendíase un mastro de 6,6 metros de lonxitude que levaba no seu extremo un magnetómetro, situado a esa distancia para que o corpo metálico da nave non interferira nas medicións. A nave orientábase mediante tres sensores de referencia, entre eles un sensor estelar que apuntaba á estrela Canopus e que foi mellorado a partir da experiencia co mesmo sensor na Pioneer 10. Pioneer 11 estabilizábase mediante xiro, controlado por tres pares de propulsores alimentados por hidracina, a unha velocidad nominal de 5 revolucións por minuto.[2][5][6]
Acaroada ao corpo da nave atópase, igual que na Pioneer 10, unha placa destinada a posibles civilizacións extraterrestres con diagramas e debuxos representando unha parella humana e a situación da Terra e o Sol na nosa galaxia.[2][5][6]
As comunicacións entre nave e Terra tiñan lugar en banda S mediante as diversas antenas conectadas a un par de receptores a 2110 MHz e dous transmisores que producían ata 8 vatios de potencia para transmisións a 2292 MHz que eran recibidas na Rede do Espazo Profundo (DSN) da NASA a velocidades que chegaron aos 2048 bps nas proximidades de Xúpiter e que eran de só 16 bps ao final da misión. Pouco despois do lanzamento o transmisor principal fallou, tendo que usar o de apoio, que funcionou durante o resto da misión.[2][5][6]
Despois do paso por Xúpiter e Saturno a nave seguiu facendo medicións do espazo interplanetario ata que os instrumentos foron fallando ou a potencia dos RTG non foi suficiente para mantelos todos acendidos co que había que turnalos para facelos funcionar.[2][5][6]
As operacións coa sonda finalizaron o 30 de setembro de 1995, momento no que os RTG xa non puideron proporcionar enerxía suficiente para manter ningún instrumento acendido.[2][5][6]
Instrumentos
Pioneer 11 levaba a bordo os mesmos instrumentos científicos que Pioneer 10 máis un magnetómetro adicional:[2][5][6]