Amthor medrou en Torgelow con súa nai, preparadora de operadores nun centro de atención telefónica[1], sen case ter relación con seu pai[2]. Entre 2012 e 2017 estudou dereito na Universidade de Greifswald, e dende 2017 está a elaborar a súa tese de doutoramento[3], colaborando tamén como traballador independente para o bufete berlinés de White & Case LLP.
Militante dende 2008 da CDU e das súas mocidades, é membro da executiva das mocidades do partido en Mecklemburgo-Antepomerania dende 2010 e mentres realizaba os seus estudos traballou como voluntario para parlamentarios, tanto do seu lander como federais. No seo da CDU está considerado como conservador[4] e así declarouse contra do enfoque integrado de xénero e do matrimonio entre persoas do mesmo xénero[2], e foi un dos iniciadores dos denominados círculos conservadores (Konservativen Kreises) no CDU de Mecklemburgo-Antepomerania.
Presentouse ás eleccións ao Bundestag de 2017 pola circunscrición de Mecklenburgische Seenplatte I – Vorpommern-Greifswald II logrando a acta de deputado[5], converténdose no deputado máis novo por mandato directo da XIX lexislatura, e o segundo máis novo de todos os deputados da lexislatura. No Bundestag pertence á comisión do interior e de asuntos europeos[6]. Amthor tamén é membro da Europa-Union Deutschland[7], a sección alemá da Unión dos Federalistas Europeos. Dende 2018 forma parte da executiva federal das mocidades da CDU[8].