Centrocampista de éxito, Bosz comezou a súa carreira profesional c Vitesse en 1981 e logo dunha cesión en 1984 ao AGOVV Apeldoorn, entón afeccionado, volveu ao fútbol profesional co RKC Waalwijk (1985-1988) para pasar despois ao fútbol francés co SC Toulon (1988-1991) tras do que volveu aos Países Baixos para xogar durante seis tempadas co Feyenoord (1991-1996). En 1996 fichou polo equipo xaponés JEF United Ichihara (1996–97), ao que lle seguiu o club alemán Hansa Rostock (1997–98) e o holandés NAC Breda (1998–99). Retirouse no termo do ano 1999 após un segundo período con JEF United Ichihara.
Adestrador
O seu primeiro club como adestrador foi o AGOVV Apeldoorn (2000-2002) co que logrou en 2002 o campionato de afeccionados. Comezou no fútbol profesional en 2002 como adestrador do De Graafschap (2002–2003), o equipo rematou o último e baixou á segunda división. O seu seguinte equipo foi o Heracles Almelo (2004–2006), na primeira tempada quedou primeiro da segunda división e logrou o pase á máxima categoría na seguinte tempada asegurou a súa permanencia ao rematar no 13º lugar.
No verán de 2010 volveu ao Heracles Almelo, ao substituír a Verbeek que fichara polo AZ Alkmaar. O equipo finalizou oitavo na liga, asegurándose a súa participación na rolda de cualificación para a competición europea, onde o eliminou o FC Groningen e o Heracles acabou 12º nas tempadas 2011–12 e 2012–13. Deixou o club en 2013.
Vitesse
O 19 de xuño de 2013 Bosz converteuse en adestrador do Vitesse, asinando un contrato de dous anos, acompañouno como segundo Hendrie Krüzen procedente tamén do Heracles. En novembro de 2013 o Vitesse era primeiro da liga por primeira volta desde 2006, e a metade da tempada mantiña a posición, non obstante o equipo rematou na sexta praza.
A tempada seguinte Bosz estendeu o seu contrato ata 2016 e xunto co director técnico Mohammed Allach desenvolveu un plan plurianual, no que lle outorgaba á canteira do Vitesse un papel fundamental, así como ao desenvolvemento do ataque. Na tempada 2014–15 o Vitesse rematou quinto cualificándose para a rolda de clasificación europea. Derrotou ao PEC Zwolle na semifinal e ao SC Heerenveen na final, asegurándose a súa participación na terceira rolda da UEFA Europa League 2015-16. Cando Bosz deixou o equipo, no inverno da tempada 2015–16, o Vitesse era quinto.
AFC Ajax
Tras unha breve estada en Israel, dirixindo o Maccabi Tel Aviv de xaneiro a maio de 2016,[3] firmou polo AFC Ajax por tres anos.[4] No seu primeiro partido de competición o 27 de xullo o seu equipo empatou 1–1 contra o PAOK na terceira rolda de cualificación para a Liga de Campións,[5] e no seguinte partido perdeu 5–2 contra o FC Rostov.[6]