Pater familias é unha locución latina que significa o «pai de familia». A forma é irregular e arcaica en latín, preservando a antiga desinencia xenitiva de -as.
O pater familias era o cidadán independente, homo sui iuris, baixo cuxo control estaban todos os bens e persoas que pertencían á familia; a persoa física que tiña atribuída a plena capacidade xurídica para obrar segundo a súa vontade e exercer a patria potestas, a manus, a dominica potestas e o mancipium sobre, respectivamente, o resto de persoas alieni iuris que estaban suxeitas á vontade, sobre a muller casada, os escravos e outros homes.
O concepto anoado á capacidade xurídica (caput) consistía na posesión dos tres estados (status) de liberdade, de cidade libre, cidadán e cada persoa física que gozaba dos tres estados civís, con plena capacidade xurídica e de obrar, libre, cidadán e xefe de familia.[1]
Poderes do pater familias
O poder do pater familias era chamado patria potestas —patria potestade en galego—. A potestas (potestade ou poder) é distinta da auctoritas, que tamén é detentada polo pater. Baixo a Lei das XII Táboas, o pater familias tiña vitae necisque potestas (poder de vida ou morte) sobre os seus fillos, a súa esposa e os seus escravos, de todos os cales se dicía que estaban sub manu —baixo a súa man—.
Para que un escravo se convertese nun cidadán libre, tiña que ser liberado «fóra da man» do pater familias, de aí os termos manumissio e emancipatio. Por lei, en calquera circunstancia, a súa palabra era absoluta e final. Se un fillo non era querido, baixo a lei da República Romana tiña o poder ou potestade para ordenar a morte do neno por exposición.
Tamén tiña o poder para vender os seus fillos como escravos; a lei romana prevía, con todo, que se un fillo era vendido como un escravo tres veces, deixaba de estar suxeito á patria potestas e o poder de aprobar ou rexeitar matrimonios dos seus fillos e fillas; con todo, un edicto do emperador romanoOctavio Augusto «provía» que o pater familias non puidese negar ese permiso levemente.
Só un cidadán romano gozaba do status de pater familias e só podía haber un home exercendo o oficio dentro dun fogar. Os fillos varóns adultos seguían estando baixo a autoridade do seu pai mentres este vivise, e non podían adquirir os dereitos dun pater familias polo menos, en teoría legal, toda a súa propiedade era adquirida a conta do seu pai, e el, non eles, tiña a autoridade última para dispor dela. Os que vivían na súa propia casa á morte do seu pai adquirían o status de pater familias sobre as súas respectivas casas.
Co tempo, a autoridade absoluta do pater familias tendeu a se debilitar, e dereitos que teoricamente existían non eran aplicados nin se insistía neles.
Efectos patrimoniais da patria potestas
Desde un punto de vista estritamente xurídico, todos os que estaban suxeitos á patria potestade (patria potestas), eran vistos como unha extensión do longo brazo paterno (longa manus). En efecto, era o principio indiscutido do dereito romano respecto a que todo o que fose comprado, como nenos ou escravos, caese na esfera xurídica do pater familias. E seguía vixente na época do xurista romano Gaio, segundo o cal:
G.2.87 «...quod liberi nostri quos in potestate habemus mancipio accipiunt vel ex traditione nanciscuntur...vel ex alia qualibet causa adquiruntur;, id nobis adquiritur; ipse enim, qui in potestate nostra habemus, nihil suum habere potest»
Todo aquilo que os fillos que temos baixo a nosa potestade adquiren por medio de mancipatio ou traditio, ou por calquera outra causa, é adquirido por nosoutros; en verdade, quen está baixo a nosa potestade non pode ter nada de seu.
A palabra familia deriva do latín familia, literalmente o conxunto dos famuli (fámulos ou servos), aqueles que teñen unha relación de dependencia do xefe de familia, o paterfamilias. Na antigüidade, no concepto latino xustapoñíanse a familia iure proprio e a familia domestica. A primeira non tiña relación co parentesco, atopábase vinculada con relacións de tipo político-económico e relixioso; a segunda fundábase na consanguinidade. O paterfamilias era o xefe absoluto de ambas que dispuña, como cousas da súa propiedade, non só dos bens e dos escravos, senón tamén da nai e do fillo.
Máis tarde, a familia perdeu importancia como entidade política e converteuse en patriarcal, acollendo máis xeracións de consanguíneos baixo o mesmo teito. O poder do 'paterfamilias' sobre a súa familia foi limitado pola lei e por familia entendíase agora o conxunto dos escravos que pertencían ao mesmo propietario.
Extinción da patria potestade
En principio, a patria potestade tiña carácter de perpetuo e por iso a maioría de idade do fillo non lle puña fin. Aínda así houbo acontecementos fortuítos que facían imposíbel o seu exercicio tales como a morte do pater, causa natural de extinción; a capitis deminutio maxima, que o convertía en escravo, e a «media», que lle facía perder a cidadanía, porque a patria potestade só era exercitábel polos cidadáns romanos.
A estas causas de extinción agregábanselle outras de orixe antiga, como a elevación do fillo varón a sacerdote de Xúpiter e a da muller a virxe vestal, e no dereito justinianeo o desempeño de funcións públicas de importancia, coma que o fillo fose designado membro do consello imperial, cónsul, prefecto pretorio, etc. Tamén a patria potestade do pater extinguíase se aceptaba ingresar o fillo doutra familia por adopción ou as fillas polo convenio in manu.
Emancipación
A emancipación (emancipatio) entrañaba un acto de liberación da patria potestas realizado pola vontade do pater. Por interpretación pontifical da norma das XII Táboas, se o pater quería eximir da potestade o fillo varón, vendíao ficticiamente tres veces, cos ritos da mancipatio, á persoa da súa confianza (coemptionator) co compromiso de o manumitir. A terceira manumisión levaba consigo a ruptura da potestade, mais o terceiro adquiría, como consecuencia, o dereito de padroado, de tutela e de sucesión sobre o filius. Para evitar tales efectos, o coemptionator obrigábase por un pactum de fiducia a remancipalo ao pater para que este fose o que o manumitise. Iso dáballe ao pai os dereitos de padroado, tutela e sucesión sobre o fillo emancipado. Para as fillas e netos foi suficiente unha soa venda.
Para simplificar este procedemento, o emperador Anastasio creou a chamada emancipatio Anastasiana. Pouco tempo despois, Xustiniano I autorizou a realización da emancipación por declaración feita ante un maxistrado. O efecto inmediato da emancipación era converter o filius familias en sui iuris, é dicir, en persoa libre de potestade. Producíalle unha capitis deminutio minima, converténdoo en xefe dunha nova familia. O emancipado adquiría plena capacidade xurídica, polo cal podía ser titular dun patrimonio propio. A emancipación tiña carácter de irrevogábel, só podía quedar sen efecto cando o fillo fose culpábel de ofensa, inxurias ou malos tratos inferidos ao seu pai.
Notas
↑Camacho Evangelista, Fermín (1982). Derecho Privado Romano I. ISBN 84-300-6508-3.