Francisco "Pancho" García Fernández, nado en Ferrol o 1 de xullo de 1951, é un exfutbolista galego. Centrocampista histórico do Deportivo da Coruña, é o noveno futbolista con máis partidos na historia do club (331).
Traxectoria
Naceu no barrio ferrolán de Esteiro o o 1 de xullo de 1951.[1] Soldador de profesión, traballou na Bazán, ao igual que seu pai, ao tempo que xogaba en equipos modestos como o Esteiro ou o Arsenal.[2] En 1972 pasou ao Racing de Ferrol, club no que militou durante tres tempadas, todas na Terceira División. Na campaña 1973/74 chegou a anotar 15 goles, sendo o segundo máximo anotador do equipo por detrás de Alfonso Castro.
En 1975 fichou polo Deportivo da Coruña e xogou no club coruñés durante a seguinte década completa. Titular na maioría de partidos dese período, viviu o primeiro descenso do club á Segunda División B ao remate da tempada 1979/80. Contribuíu ao ascenso do equipo só un ano despois marcando 10 goles na categoría de bronce. Deixou o club e o fútbol ao remate da tempada 1984/85.
No momento da súa retirada era o segundo futbolista con máis partidos oficiais na historia do Deportivo da Coruña (331), só por detrás do histórico gardameta Acuña (393). Na actualidade ocupa a novena praza.[3]
Despois de deixar o Deportivo dedicouse ao fútbol sala e entre 1985 e 1987 xogou no histórico Chaston da Coruña, co que foi subcampión dunha primitiva liga española, así como de dúas edicións da Copa do Rei oficiosa.[4] En 1989 converteuse no adestrador do equipo na histórica tempada inaugural da División de Honra, a nova máxima categoría do país, xa de xeito oficial, conseguindo asegurar a permanencia.[5] Entre 1994 e 2002 adestrou a selección coruñesa sub-16 de fútbol e estivo tamén aos mandos da selección galega sub-16 e do Calasanz.[6][7]
No 2013 formou parte da candidatura de Germán Rodríguez Conchado á presidencia do Deportivo da Coruña.[8]
Notas