A Orde de Santa María do Monte Gaudio de Xerusalén, ou simplemente Montegaudio, foi unha orde relixiosa militar de cabalaría fundada polo conde galego Rodrigo Álvarez de Sarria, grazas ao consentimento de Afonso II de Aragón que cedeu tenencias á orde no Reino de Aragón, concretamente o castelo de Alfambra e o de Orrios.[1]
Esta orde foi aprobada pola bula papal de 1173, pero non tivo posesións ata o traslado do castelo de Alfambra, que pasou a ser a súa sede.
Foi unha das ordes militares máis importantes do século XII, cunha ampla presenza internacional, incluso en Xerusalén. Contará co apoio dos monarcas aragoneses, o que lle permitirá absorber a Orde do Hospital de San Redentor, con sede en Teruel.[2] Esta unión de ordes coñécese como Orde Alfambra. Finalmente, será absorbido pola orde do Temple en 1196, por influencia da Casa Condal de Barcelona.
Tras a súa absorción polo Temple, parte dos seus cabaleiros rexeitaron esta medida e renunciaron ao seu hábito. Acabarán fundando a comandancia de Monfragüe, en Estremadura, dentro da Orde de Calatrava.
Tras a desaparición da Orde do Temple, a maior parte das súas posesións pasarán á Orde de San Xoán do Hospital de Xerusalén, Rodas e Malta, dentro da que destacará Xoán Fernández de Heredia como Gran Mestre de Rodas, que comezou a súa carreira na orde como comandante de Alfambra.[1]
Existen diferentes nomes para a Orde de Monte Gaudio, como Montjoie ou Trufac, que non eran os nomes oficiais e posiblemente fosen sinónimos locais da mesma.
O símbolo é unha cruz ensanchada ou patada vermella. Ás veces foi substituída pola mesma cruz en branco (tamén pasou a representarse cunha cruz metade vermella e metade branca de oito puntas, semellante á de Malta, que non é medieval.
Notas
- ↑ 1,0 1,1 Barragán, Juan José (2015). Alfambra en la Edad Media y Moderna. Sarrión: Muñoz Moya Editores. ISBN 978-84-8010-264-3.
- ↑ "La Orden de Monte Gaudio nació en el Reino de Aragón y en el s. XII fue de las más importantes". ateneovalencia.es. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2023. Consultado o 2023.