Obras variadas para piano só (Rakhmáninov)

Rakhmáninov, fotografado aquí con dez anos, escribiu a maioría das pezas que non están na súa lista de opus antes dos catorce anos.

O compositor ruso Serguéi Rakhmáninov escribiu varias pezas para piano que se perderon, non foron publicadas ou non lles foi asignado un número de opus. Aínda que frecuentemente son desprezadas como parte do repertorio concertístico, son con todo parte da súa obra. Compuxo dezaseis pezas deste tipo e o resto non chegou aos nosos días. Dez destas pezas foron compostas antes de que finalizara o Concerto para piano n.º 1, o seu primeiro opus, e o resto foron intercaladas durante o resto da súa vida. Nestas obras ocasionais, pode apreciarse a influencia doutros compositores, tales como Frédéric Chopin e Tchaikovski. As obras máis importantes, os Tres Nocturnos e as Catro Pezas, son series de pezas moi elaboradas que foron os seus primeiros intentos de lograr unha estrutura cohesiva entre varias pezas. O Bosquexo Oriental e o Preludio en re menor, dúas pezas compostas ao final da súa vida, son obras curtas que exemplifican o seu estilo como compositor maduro. Aínda compostas sendo un neno ou un adulto, estas pezas cobren un amplo espectro de formas musicais mantendo o seu característico estilo ruso.

Obras

Durante o outono de 1885, Rakhmáninov, que tiña doce anos, entrou na casa de Nikolai Zverev para recibir clases privadas de piano e a finais de maio de 1886, Zverev levou os seus estudantes a Crimea, onde Rakhmáninov continuou os seus estudos, esperando entrar na clase de harmonía de Antón Arénski no Conservatorio de Moscova.[1] Durante este período Rakhmáninov creou a súa primeira composición, unha obra de dúas páxinas chamada Estudio en fa sostido menor (o manuscrito non chegou aos nosos días).[2] Logo de ser admitido na clase, produciu máis exercicios, sendo o primeiro deles un Lento en re menor; e a única peza que sobreviviu das dez que se cre que compuxo.[3]

Como compositor independente, o seguinte proxecto de Rakhmáninov foi un grupo titulado Tres Nocturnos, considerado como o seu primeiro intento serio de escribir para o piano.[4] O primeiro nocturno, en fa díese menor, foi escrito do 14 ao 21 de novembro de 1887 e ten tres partes: un comezo e final marcados andante cantabile e unha parte central marcada allegro. Os andantes máis lentos son seccións suaves, influídos por Tchaikovski, mentres que o allegro é pouco natural e ríxido, e infrecuentemente rápido para un nocturno. A segunda peza, en fa maior, composta do 22 ao 25 de novembro, tamén contén unha sección lenta emparellada cunha sección rápida. O nocturno número 3, en dó menor, tardou máis dun mes en finalizalo, datado do 3 de decembro de 1886 ao 12 de xaneiro de 1887. Cunha textura acordal repartida por todo o teclado, lembra a música de Robert Schumann.[5] Os nocturnos foron publicados postumamente en Moscova en 1949 sen número de opus.[6]

As Catro pezas de 1887 son quizais as primeiras obras integradas de Rakhmáninov. Cada unha ten un obxectivo claro e un método para acadalo, e todas amosan unha fluidez notablemente máis avanzada que nos nocturnos. A romanza inicial, en fa díese menor, lembra a tenrura de Frédéric Chopin. O preludio en re bemol menor é unha peza sen nada especial pero ben pensada. A terceira, unha melodía en re maior, é bastante expresiva, mais a gavota en re maior é, aínda que repetitiva, a peza máis enérxica e vigorosa. Foron publicadas postumamente en Moscova en 1948 sen número de opus.[4]

En 1890, logo dunhas vacacións en Ivanovka, a residencia de verán da familia, Rakhmáninov escribiu unha carta a Natalia Skalon, unha amiga da familia de Moscova, contándolle que tiña que escribir unha fuga para a clase de Arenski, «unha circunstancia desagradable, non importa como a mires». Non obstante, chegou a parecer máis un canon que unha fuga e foi publicada en 1949 como Canon en re menor. Aínda que foi escrita como un exercicio, a peza transmite a impresión non dun exercicio académico de contrapunto, senón dun vivo arrebato. A textura e a harmonía amosan o suficiente avance sobre as súas anteriores Catro Pezas para indicar que se mostrara sensato ao non publicalas como o seu opus n.º 1.[4]

Bosquexo oriental (1917) é o nome dado á peza polo editor, aínda que non foi escrita para representar nada oriental.

En 1891, Rakhmáninov compuxo o seu Concerto para piano n.º 1 (o seu primeiro opus oficial)[7] e máis tarde en xullo, unha pequena peza, o Preludio en fa maior, que revisou posteriormente para incluír o violonchelo.[8][9] Durante este período, en 1892, tamén compuxo as Morceaux de Fantaisie.[10] En 1891 Rakhmáninov tamén compuxo a súa Suite en re menor para orquestra, considerada perdida ata que o manuscrito foi atopado en 2002, levando ao descubrimento dunha composición previamente non atribuída para piano que é unha redución desta Suite. A suite está escrita en catro movementos: Lento: Allegro moderato en re menor, Lento en si menor, Menuetto en fa díese maior, e Allegro en re maior.[11][12]

Pasou a maior parte dos anos seguintes escribindo as súas pezas orquestrais, entre elas Utes (1893) e o Caprice Bohémien (1895). A súa volta á composición pianística a principios de 1896 estivo marcada pola súa contribución ás Catro improvisacións, unha colaboración con Antón Arénski, Aleksandr Glazunov e Sergei Taneiev.[13] Logo de completar os Six moments musicaux en 1896, Rakhmáninov compuxo unha única peza titulada Morceau de Fantaisie en sol menor o 11 de xaneiro de 1899. Subtitulouna «Delmo», con todo non se sabe o que isto significa realmente. Escrita en dúas páxinas, caracterízase por un enfático e curto clímax. Tamén compuxo unha Fughetta en fa maior en febreiro dese ano, que tamén é curta e ten un contrapunto limpo. Compuxo a maior parte das súas obras publicadas durante este período, empezando coas Variacións sobre un tema de Chopin.[2]

Despois dos nove Études-Tableaux, Op. 39, Rakhmáninov compuxo varias obras de menor tamaño en 1917. O Bosquexo oriental é unha peza rápida chea de semicorcheas. A peza non está relacionada con nada oriental; o título foi idea do editor. O Preludio en re menor, unha peza escura con movidos acordes rápidos e trémolos que en repetidas ocasións baixan ao rexistro grave, é unha manifestación do seu descontento coa Revolución de Outubro. O manuscrito sobreviviu e foi publicado por primeira vez en 1973. A súa penúltima obra para piano (só as Variacións sobre un tema de Corelli virían despois), foi unha peza dunha páxina titulada Fragmentos, unha peza curta nostálxica dos seus últimos días en Moscova. Foi publicada por primeira vez na revista The Etude, en 1919.[14]

En 2003, mentres procuraba materiais sobre Rakhmáninov na Biblioteca do Congreso, o pianista australiano Scott Davie descubriu un bosquexo de dúas páxinas dunha anteriormente descoñecida peza para piano de Rakhmáninov en re menor.[15] Aínda que foi capaz de facer unha copia a lapis, non foi ata máis tarde que se decatou de que o bosquexo estaba completo. Logo de obter permiso, Davie gravou e publicou a peza en ABC Classics no seu CD Pictures from an Exhibition.[16] Dende entón a peza foi tamén gravada por Vladimir Ashkenazy e publicada por Decca.[17]

Notas

  1. Harrison 2006, p. 18.
  2. 2,0 2,1 Bertensson, Sergei; Leyda, Jay; Satina, Sophia (2001). Sergei Rachmaninoff: A Lifetime in Music (en inglés). Indiana: Indiana University Press. ISBN 0253214211. 
  3. von Riesemann, O. (1934). Rachmaninoff's Recollections (en inglés). Nova York: Macmillan. p. 253. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Harrison 2006, pp. 19-20.
  5. Norris, J. (1985). Rachmaninoff's first and last preludes (en inglés). Bloomington, Indiana: Indiana University Press. pp. 123–4. 
  6. Cunningham, Robert E. (2001). "Works and Performances". Sergei Rachmaninoff. A Bio-Bibliography (en inglés). Westport, Connecticut: Greenwood Press. p. 40. 
  7. Howard, Orrin. "PIANO CONCERTO NO. 1" (en inglés). LA Philharmonic. Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2017. Consultado o 25 de abril de 2017. 
  8. "Rachmaninov: Prelude in F major (1891)" (en inglés). www.prestoclassical.co.uk. Consultado o 25 de abril de 2017. 
  9. "Sergey Rachmaninov. Pieces (2) for cello & piano, Op. 2" (en inglés). AllMusic. Consultado o 25 de abril de 2017. 
  10. "Morceaux de fantaisie, Op 3" (en inglés). Hyperion Records. Consultado o 25 de abril de 2017. 
  11. Predota, Georg (1 de agosto de 2016). "Minors of the Majors. Sergei Rachmaninoff: Suite in D minor" (en inglés). Interlude. Consultado o 25 de abril de 2017. 
  12. "Sergei Rachmaninoff: Suite in D Minor (1891) 1st Edition" (en inglés). Boosey & Hawkes. Consultado o 25 de abril de 2017. 
  13. Matthew-Walker, Robert (1984). Rachmaninoff (en inglés). Londres: Omnibus Press. p. 37. ISBN 0-7119-0253-4. 
  14. Harrison 2006, p. 214.
  15. Murphy, Damien; Cubby, Ben (10 de xullo de 2006). "From Russia with Love". The Sydney Morning Herald (en inglés). p. 19. Consultado o 25 de abril de 2017. 
  16. Maral, Louise (7 de xullo de 2006). "First recording of discovered Rachmaninoff work released" (en inglés). sydney.edu.au. Consultado o 25 de abril de 2017. 
  17. "SERGEI RACHMANINOV. Complete Works for Piano. Vladimir Ashkenazy" (en inglés). Decca Records. Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2017. Consultado o 25 de abril de 2017. 

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!