O club da calceta é unha novela en lingua galega escrita por María Reimóndez e publicada por Edicións Xerais en 2006. Foi finalista do Premio Xerais en 2005 e acadou o Premio Arcebispo Xoán de San Clemente en 2007.
Trama
Seis mulleres de diferentes idades e procedencias xúntanse nun local dunha asociación veciñal para aprender calceta. Alí conversan sobre as súas vidas e os seus problemas, que logran superar ben sexa coa axuda das demais ou mediante a toma de conciencia propia.
Deciden tomar a xustiza pola man e acabar cos homes que lles fan a vida imposible: un avogado que fai entrevistas de traballo, un condutor de autobús groseiro, un cliente do prostíbulo, un dependente dunha tenda de moda, un obreiro da construción e un sacerdote.
Narración
A novela está estruturada en sete capítulos. Os seis primeiros, "Elástico", "Dianteira", "Mangas", "Colo", "Traseira" e "Puños", céntranse nos seis personaxes principais, todas elas arquetipos dunha categoría sociolóxica, que buscan a pluralidade de clase social, nivel cultural, idade... O derradeiro, "Xersei", é a narración do seu futuro, moito mellor desde que tomaron as rendas da súa vida[1].
A autora usa un narrador múltiple, alternando a terceira persoa omnisciente coa primeira persoa subxectiva.
A trama está ambientada en Vigo.
A acción principal dura varios meses, con numerosas analepses para rememorar as vidas das protagonistas e o capítulo final ten lugar tres anos despois.
Despois de tres anos estrañoulle un pouco que marchásemos todas a un tempo
[2]
Personaxes
- Matilde é unha muller casada, cun corpo moi grande. Monta unha tenda de venda de las. Sobriña de Davinia.
- Anxos é unha profesora universitaria casada, afín ao marxismo e ao feminismo. Mentres está no club, deixa o marido e o partido político no que milita.
- Rebeca é unha muller de corpo dez que traballa de secretaria.
- Elvira é unha beata maior, que vive soa e limpa a igrexa parroquial. É a monitora do grupo.
- Luz é unha prostituta. Deixa o club no que traballa e monta canda Rebeca unha empresa de asesoramento para mulleres emprendedoras.
- Fernanda é unha muller coxa, á que lle falta unha perna. Co apoio do seu marido saca o carné e faise condutora de autobuses.
- Hai ademais unha sétima personaxe, a tía Davinia, unha pantasma que detona a acción e actúa de conciencia da sobriña Matilde. A súa historia percorre todas as páxinas da novela, e a recuperación da súa memoria convértese nun proxecto común[1].
Traducións
- Ao italiano en 2007 por Attilio Castellucci co título de Il clube della calzetta por Gran Via Edizione, coll. M30[3].
- Ao castelán por Mª José Vázquez co título de El club de la calceta publicada en 2008 pola Editorial Algaida[4].
- Ao francés por Vicent Ozanam co título de Le club du tricot publicado en 2015 por Solanhets Éditeur[5].
Adaptacións
A novela foi adaptada ao teatro por Teatro do Morcego e ao cinema por Antón Dobao (2009).
Véxase tamén
Ligazóns externas
- Ficha na web da editorial.
Notas