N.H.U. (Una Hermosa Noche) foi un grupo musical galego de rock progresivo, psicodelia e jazz fusión formado en 1973 en Santiago de Compostela. Teñen un disco de estudio homónimo, gravado no 1978 coa discográfica Zafiro. Atópanse entre os primeiros grupos musicais de rock que empregaron o galego nas súas letras.[Cómpre referencia] En 2014 recibiron nos II Premios Martín Codax da Música o Premio Honorífico.
Historia
O grupo formouse no 1973 e no 1974 ten a formación de:
- Roberto Abal (guitarra eléctrica)
- Tino Grandío (baixo eléctrico)
- Xurxo Pérez (teclado Hammond)
- Xosé Garea (batería e voz)
No mesmo ano entrou Xoán Piñón para substituír o guitarra que marchou por diferenzas con Abal, José Antonio Fernández "Bretch". Xoán Piñón toca cunha Fender Jaguar para despois cambiala por unha Gibson SG.[1]
O grupo bebe das influencias de King Crimson, Yes ou Frank Zappa.
En 1976 Xoán Piñón abandonou o grupo ao rematar a súa carreira universitaria. Entre 1975 e 1976 varios integrantes foron chamados ao servizo militar, polo que o grupo quedou en pausa. Ao seu regreso comezou a aventura de gravar o disco e de buscar locais nos que tocar: “non era doado que nos deixasen tocar en certos sitios, a xente non estaba afeita a esta música, así que lle dicíamos que ademais de guitarras eléctricas tiñamos instrumentos clásicos, como violíns e frautas, o que era certo”, di Xosé Ferreiro.[1] "Temos dous repertorios, a un chamámoslle "La Obra": trátase de composicións propias de rock "progresivo", a súa maioría instrumentais na onda harmónica máis caótica e psicodélica: é NHU no seu estado esquizoide natural, os directos son unha especie de transo con 50 minutos de música sen interrupcións, non se fan concesións estéticas, soa compacto e orixinal… (…) a interpretación da música está baseada en códigos propios, certos esquemas de memorización, e unha dose importante de improvisación e intuición que enriquece e dá gran personalidade ao grupo… O outro repertorio é pura pachanga que tocamos en vodas e salas de festa (para financiar o tremendo equipo que tiñamos)"[1] di Xosé Piñón. O disco é actualmente propiedade da discográfica BMG Ariola, que mercou RCA. É unha rareza e ten a día de hoxe a valoración como o disco en galego vendido máis caro en poxa, alcanzando 240 euros en Ebay no Reino Unido, segundo informa Sono-tone.[1]
Tiñan material para un segundo álbum que nunca chegaría: “era difícil darlle saída a esa música en Galicia”. De feito a banda continuou tocando en salas de festas e algúns dos seus membros, coma o propio Xosé Ferreiro, seguen na música, no grupo Os Apóstoles.[1]
Edicións discográficas
- Zafiro ano 1978
- RCA: ref: 74321779602 ano 2000
Tamén hai unha reedición alemá e unha española con BMG.
Membros
- Osiris[2]: violín
- Xoán Piñón[2]: guitarra
- Cuchús Alonso[2]: guitarra
- Ricardo Maiz[2]: batería
- Xulio Ferreiro Garea: percusión
- Xurxo Pérez: teclados
- Xosé Manuel Ferreiro Garea: voz, batería, frauta traveseira
- Tino Grandío: baixo
- Roberto Abal: guitarra
Actuacións en vivo
- Concerto en Santiago de Compostela na Aula de Cultura de CaixaGalicia, 1978
- Concerto na TVG, 13 de xaneiro de 1987
- Concerto no Salón Teatro en Santiago de Compostela, 1975, 14 de marzo
Discografía
Notas