O Museo de Historia da Automoción de Salamanca é o primeiro museo público de España adicado ao motor. Inaugurado a finais de setembro de 2002 polos reis de España Xoán Carlos I e Sofía,[3] conta nos seus fondos con máis de 200 automóbiles históricos, algúns únicos, así como milleiros de accesorios relacionados co automóbil. O museo localízase fronte á Casa Lis, nun edificio que foi a primeira planta de produción de electricidade que tivo Salamanca.
Características
Dentro das 90 pezas expostas, que van rotando entre as preto de 240 que posúe a colección, pódese gozar dalgunhas xoias da historia do automóbil, como o triciclo Benz Patent-Motorwagen patentado polo enxeñeiro alemán Karl Benz que está considerado como o primeiro vehículo propulsado por un motor de explosión da historia, un Rolls-Royce Silver Ghost de 1922, un Cadillac Fleetwood 75 que pertenceu ao ditador Francisco Franco, ou a xoia da colección un Hispano-Suiza de 1930 no seu estado orixinal xa que nunca necesitou ser sometido a unha restauración. Ademais, son habituais as exposicións temporais con contidos procedentes doutras coleccións.
No museo exponse a colección de Demetrio Gómez Planche,[4] un antigo arquitecto técnico, quen coa axuda da súa familia, reuniu durante máis de 40 anos todo tipo de automóbiles, motocicletas, documentos e accesorios relacionados co mundo do automóbil. Á colección de Gómez Planche uníronse as achegas da Dirección Xeral de Tráfico,[5] o Centro Histórico Iveco-Pegaso e outras achegas tanto públicas como privadas como é o caso dunha das últimas pezas, un BMW 325i de 1982 cedido por Keti Gutiérrez Enríquez.
O Museo de Historia da Automoción de Salamanca tamén está equipado cunha biblioteca, unha hemeroteca, unha videoteca e un arquivo.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Velasco Sánchez, José Tomás (2015). Guía de los Museos de Salamanca. Una visita alternativa. Salamanca a través de sus Museos. Madrid: Bubok Publishing. ISBN 978-84-686-6710-2.