Mursilis III ou Urhi-Tesub (rei hitita cara a -1270 – -1265) foi fillo de Muwatallis II e dunha concubina.
Traxectoria
A morte de Muwattallis sen un herdeiro designado supuxo certa axitación. Urhi-Tesub, o mellor situado, fora o xuíz que detrminara a lexitimidade da descendencia da raíña Tanu-Hepa, pero el alegaba que a designación fora do rei e el non se puido opoñer e xulgara en consciencia. Só a axuda do rei de Hakpis, Hattusilis (o futuro Hattusilis III), o seu tío, abriu o seu camiño á proclamación que se produciu en Tarhuntasa baixo o nome de Mursilis III, cun acordo entre os dous homes polo cal o reino de Hakpis permanecía en mans de Hattusilis.
Durante o seu reinado Hattusilis reconquistou Nerik logo de tanto tempo en mans dos kaska. O territorio conquistado incluía as cidades de Nera e Hastira. Desde a cidade puido dominar os territorios da montaña Haharwa e a cidade de Marasantiya.
Mursilis III non tardou en retornar a capital a Hattusa. Pronto se produciu un enfrontamento con Hattusilis que acusou ao seu sobriño de apoderarse de territorios que el repoboara (Pala e Tummanna) e de Samuha, e de trasladar a poboadores do reino de Hakpis a territorio do gran rei hitita.
Segundo Hattusilis a situación durou sete anos, que el aguantou por respecto ao seu irmán (Muwatallis), pero cando Mursilis III intentou incorporar as cidades de Hakpis e Nerik ao reino hitita e quitarllas a Hattusilis, o que de feito equivalía a eliminar o reino, o vello Hattusilis reaccionou e sublevouse; encomendouse á súa deusa habitual, Sausga (o centro de culto principal ao norte era Samuha), e ao deus das tormentas de Nerik (culto restablecido e trasladado desde Hakpis) e comezou a guerra.
Sippa-ziti, fillo de Arma-Tarhunta (fillo de Zita, o irmán de Suppiluliumas I) o antigo rival de Hattusilis, foi nomeado comandante do exército do gran rei na Terra Alta Hitita. A guerra civil supuxo unha división do país, dentro do mesmo reino hitita en especial. Masturi rei de Seha foi aliado de Hattusilis, que tamén tivo a axuda de Ulmi-Tesup (Kurunta), medio irmán de Mursilis III e que fora criado por Hattusilis. Mira e Kuwaliya, e Ahhiyawa serían aliados de Mursilis. Boa parte dos kaska apoiaron a Hattusilis. Mursilis III enviou a un home chamado Rime-Tesup ao oeste para buscar as máximas axudas, pero en xeral a parte occidental serviu de pouca axuda a Mursilis; Millawanda probabelmente ficou inactiva, e Ahhiyawa, ao non recibir a axuda das súas cidades, non puido dar axuda ningunha ao rei hitita.
Sippa-ziti tivo problemas; probabelmente quedou cercado en Hallawa, e tivo que pedir a Mursilis que fose rescatalo; o rei enviou a un home chamado Anani-piya. Producíronse combates en Kusuriya e librouse unha batalla de carros na que participou o gobernador da rexión do río vermello que probabelmente cambiou de bando. Os feitos non se coñecen con claridade pero do relato de Hattusilis vese que Mursilis foi abandonado por algúns dos seus aliados e estivo en posición defensiva. Na parte final da guerra, Mursilis estaba en Marasantiya e tivo que fuxir de alí e foi cara a Samuha, onde Hattusilis o perseguiu. Uns traidores ofreceron matar a Mursilis, pero Hattusilis rexeitou a oferta e avanzou cara a Samuha, pero seguramente xa fora feito prisioneiro pola súa propia xente cando Hattusilis chegou, e foi entregado ao tío, que entón foi recoñecido como gran rei (Hattusilis III)
Mursilis III foi liberado e déuselle o goberno dunhas cidades fortificadas en Nuhase. A súa descendencia foi privada dos dereitos ao trono. Mursilis III planeou fuxir a Babilonia, pero Hattusilis decatouse e desterrouno probabelmente a Alashiya, de onde escapou e fuxiu a Exipto. As relacións entre Hattusilis e Exipto, que serían inicialmente boas, empeoraron cando Ramsés II se negou a extraditar a Mursilis III. O rei derrocado morreu en Exipto.