Os Montes Zagros (en persa رشتهكوههای زاگرس} Kuhha-ye Zāgros) é unha cadea montañosa que se estende desde o Cáucaso até o Golfo Pérsico, cunha orientación xeral noroeste-sueste.
Xeografía
Os Zagros esténdense, cunha lonxitude aproximada de 1.500 km, desde a rexión do Curdistán, nas inmediacións do Cáucaso, seguindo a liña da fronteira irano-iraquí até o Estreito de Ormuz, onde o Golfo Pérsico apenas acada unha anchura de 50 km. O cordal mantense practicamente paralelo ao curso do Tigris, do que dista entre uns 50 a 100 km. A súa anchura máxima oscila entre 200 e 300 km. Ocupan unha área de aproximadamente 533.500 km², da cal, máis ou menos, un 83 % pertence a Irán e un 17 % a Iraq.
As maiores alturas dos montes, rozando os 4.500 m.s.n.m., érguense ao sur da cidade de Isfahán (Zard Kuh, 4.548 m; Monte Dena, 4.409 m) e ao leste da de Shiraz (Kush-e Hazaran, 4.429).
Os Montes Zagros xogaron un papel decisivo na Revolución Neolítica. Aquí, en alturas entre os 700 e os 1.500 m, medraban, e medran, de forma espontánea as variedades salvaxes dos cereais (trigo, cebada) e dalgúns legumes (lentellas, chícharos) que logo foron domesticados polos humanos arredor do X e IX milenio a.n.e., en outeiros, ladeiras e planaltos de altura algo inferior, e onde se daban as condicións de pluviosidade, con choivas de inverno e primavera, apropiadas para as variedades que comezaron a ser cultivadas, Do mesmo xeito había as variedades salvaxes de cabras (Capra higrus aegragus) - exceptuado o can a primeira especie animal que foi amansada -, ovellas (Ovis orientalis), asno, e outros, que foron domesticados. O sitio arqueolóxico de Shanidar ostenta aínda a primacía cronolóxica do descubrimento da agricultura. Outros primixenios restos neolíticos como Ali Kosh, Ganj-i Dareh, Jarmo, Tepe Asyab, Tepe Sarab etc., sitos nos Zagros indican que este foi un dos centros no que se efectuou o paso dunha economía recolledora a outra produtora.