O monte Titano é unha montaña dos Apeninos toscano-romañolos que se eleva a 739 m sobre o nivel do mar. É a maior altura da República de San Marino e sobre a súa parte noroeste está asentada a capital do país. A causa da súa grande extensión o seu nome con frecuencia é utilizado para referirse á república mesma.
Descrición
O monte Titano preséntase como un áspero cantil calcáreo, situado relativamente próximo ao mar a respecto da cadea dos Apeninos. Emerxe con 200 metros de altitude, sobre un baseamento arxiloso, sito a 500 m sobre o nivel do mar. A voo de paxaro dista tan só 13 km do Mar Adriático.
Sobre da súa cima atópanse as tres rochas de San Marino: denominadas Cesta, Guaita e Montale.
Xeoloxía
Na Era Terciaria, onde agora se sitúa a República sanmarinesa, estaba ocupado polo mar. Violentos terremotos provocaban fortes convulsións da superficie terrestre e, a causa dun destes fenomenais sucesos, unha masa rochosa, distante uns 80 km do actual monte, foi erguida e lentamente esvarou cara ao mar Adriático.
Esta masa rochosa doe orixe a varios montes, entre os que se poden citar o Fumaiolo e máis o Monte Titano.
Consonte os expertos, o Titano está suxeito a un levantamento irregular bradisísmico que fai tremer os edificios na zona da Cidade de San Marino.
Os fósiles de vertebrados atopados nas pendentes do Monte Titano son os máis de peixes, dado que a zona, como se dixo, estivo nun tempo cuberta do mar. Abundan os dentes, en especial, de escualos.
De acordo coa lenda, San Mariño, pedreiro de Arbe, santo de Rimini, refuxiouse no monte Titano para escapar das persecucións anticristiás, fundando alí unha comunidade: a República de San Marino. Artisticamente o santo é sempre representado co Monte Titano entre as mans.