O millo doce (Zea maysL. var. rugosa[1] ou tamén Zea mays convar. saccharata var. rugosa) (coñecido en inglés coma sweet corn) é unha variedade de millo con elevado contido en azucre. Malia a importancia do millo coma alimento en Galiza dende a súa chegada das Américas, o millo doce non forma parte da gastronomía tradicional galega, tendo sido popularizado hai uns anos maioritariamente en conserva (non tanto en carozo), e incorporado principalmente a ensaladas. É, porén, moi popular noutras culturas, especialmente nos Estados Unidos de América.
O gran do millo doce é o resultado dunha mutación nos xenes que controlan a conversión do azucre en amidón no endosperma (tecido de reserva). As mazarocas de millo doce son apañadas nunha etapa precoz do seu crecemento (estadio leitoso). A maduración do gran produce a conversión do azucre en amidón, polo que o millo doce se conserva pouco tempo e se come fresco, ou ben se comercializa enlatado ou conxelado, antes de que os grans endurezan e se tornen ricos en amidón.
Historia
O millo doce foi froito dunha mutación espontánea de millo e cultivado por varias nacións amerindias. Os iroqueses xa cultivaban o primeiro millo doce rexistrado, chamado Papoon, o cal adquiriron os colonos europeos en 1779.[2] E xa dende moi cedo foi un cereal popular nas rexións do sur e do centro dos Estados Unidos de América.
As súas variedades de polinización aberta estiveron amplamente dispoñíbeis nos Estados Unidos no século XIX. Dúas das máis antigas variedades, aínda están hoxe en día á venda: Country Gentleman, con ringleiras brancas en fileiras irregulares, e Stowell's Evergreen.
A produción no século XX estivo influenciado polos desenvolvementos a seguir:
a hibridación permitiu unha maduración máis uniforme, mellorando a calidade e maila resistencia a enfermidades
a identificación dos xenes mutados responsábeis da dozura, e a habilidade para mellorar variedades baseadas nestas características:
su (doce normal)
se (doce mellorado, orixinalmente denominado Everlasting Heritage)