Miguel Enrique Cabanela González-Seco, nado en Mondoñedo en 1942 é un cirurxián galego, un dos máis importantes especialistas mundiais en cirurxía de cadeira e xeonllo, e en ortopedia.
Biografía
Nado en Mondoñedo (Lugo) en 1942 é sobriño do ilustre escritor de literatura galega Álvaro Cunqueiro e fillo de Enrique Cabanela, que fora médico en Mondoñedo, e pioneiro da cirurxía xeral na comarca, fundador e director dun sanatorio cirúrxico privado no que operaba toda clase de doenzas.
Despois de estudar e se licenciar en Medicina en Santiago de Compostela en 1965, trasladouse aos Estados Unidos en 1967, para desenvolver a súa carreira, primeiro no Mercy Hospital universitario de Chicago. Realizou a súa residencia na famosa Clínica Mayo, formándose coma especialista en cirurxía de cadeira e xeonllo no centro de Rochester (Minnesota). Dende aquela exerceu neste hospital e actualmente é o xefe de Cirurxía Reconstrutiva na mesma Clínica Mayo onde salienta pola súa galeguidade arredor do xigantesco centro sanitario, con 2.158 médicos e outros tantos estudantes e residentes. Na clínica Mayo, cada xefe de servizo acuña un símbolo, nas portas dos cuartos dos pacientes de Cirurxía Ortopédica había un pequeno escudo cun zoco e un paraugas sobre o que caía a choiva, lembrando a súa morriña por Galiza[1].
É membro da Asociación Estadounidense de Cirurxiáns de Cadeira e Xeonllo, e da Fundación Nacional de Osteonecrose, tamén dos Estados Unidos. Ten máis dun cento de artigos de investigación publicados en revistas científicas do campo da cirurxía ósea e da ortopedia[2].
Na actualidade o doutor Miguel Cabanela imparte simposios e conferencias por todo o mundo. A súa dona, española, é física nuclear. Ten dous fillos, mais ningún deles se inclinou pola medicina; un deles é astrofísico e o outro experto en literatura inglesa.
Importancia médica e recoñecementos
É unha das figuras mundiais na súa especialidade. Varias voces do ámbito da cirurxía ortopédica recoñecen a gran competencia de Cabanela en cirurxía da cadeira, e en especial no eido das próteses de cadeira. A Clínica Mayo de Rochester onde traballa, é o terceiro maior hospital do país e ocupa o segundo lugar na mellor cirurxía ortopédica.
Cabanela participa regularmente en xornadas científicas en Galiza, España e nos Estados Unidos. Os seus méritos, entre eles a autoría de máis de 100 publicacións, foron recoñecidos en diferentes países: foi distinguido polos pacientes estadounidenses en 2012 pola súa excelencia, en 2009 recibiu o primeiro premio español Fenin de Innovación Tecnolóxica e foi nomeado membro de honra da Sociedade Española de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía[3].
Miguel Cabanela adoita visitar Mondoñedo dúas veces ao ano, vila da que é Fillo Predilecto dende o ano 2002. Ademais Galiza recoñeceu o labor de Miguel Cabanela concedéndolle a Medalla de Prata da Xunta e anos despois recollería o Premio Nóvoa Santos que outorga a Asociación de Médicos Galegos.
Premio Miguel Cabanela
O 1 de abril de 2009, a Federación española de Empresas de Tecnoloxía Sanitaria[4] entregou o I Premio Fenin á Innovación Tecnolóxica Sanitaria ao doutor Miguel Cabanela[5][6][7], polas súas achegas á cirurxía ortopédica no eido Cirurxía da Cadeira e do Xeonllo. O Premio recolleuno de mans da Ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, o Presidente da Sociedade Española de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, o profesor. Enric Cáceres,[8] quen salientou a importancia do Premio para a Sociedade Española de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía.
O doutor Miguel Cabanela cedeu a achega á Fundación SECOT para convocar un Premio destinado a realizar unha estadía na Clínica Mayo, Rochester, MN, EUA.[9][5] A convocatoria realizouse en base a concurso de méritos a nivel nacional, recibindo o Premio o doutor Jenaro A. Fernández-Valencia Laborde. Posteriormente e a través da SECOT, o Profesor Cabanela convocou anualmente o Premio Miguel Cabanela até a actualidade.[10]
Listaxe de Cirurxiáns Galardoados co Premio Miguel Cabanela:
Ano 2009: Doutor Jenaro A. Fernández-Valencia, cirurxián de cadeira en Barcelona.
Ano 2013: Dotación conxunta a doutores Claudia Lamas Gómez, Vicente Pellicer García e Marcelino Llabrés Comamala.[14]
Operación do Rei Xoán Carlos I de España
No mes de setembro de 2013 incrementou a súa fama por ser o encargado de operar ao rei Xoán Carlos I de España dunha cadeira [15]por mor dunha infección asociada a unha prótese que lle fora implantada en 2012[3]. Para este traballo desprazouse a Madrid.