O merlo rieiro europeo[1][2][3][4] (Cinclus cinclus) é unha ave paseriforme pertencente á familia Cinclidae. O seu hábitat inclúe contornas acuáticas de Europa. Os merlos acuáticos adoitan vivir nas beiras de ríos rápidos de montaña, aínda que se poden atopar individuos erráticos en lagoas de montaña. A súa preferencia polas augas non contaminadas converteuno nun bioindicador da pureza dun río.
Descrición
A súa plumaxe é pardo escura con peito branco. Pálpebra branca moi visible cando parpadea. Tamaño duns 18 cm de altura e 30 de envergadura. Non hai diferenciación sexual.
Alimentación
A súa alimentación é case exclusivamente a base de insectos.
Mergúllase nunha media de 3 segundos. O seu sangue pode portar máis osíxeno que o doutros paseriformes, o que lles permite permanecer baixo a auga ata 30 segundos, aínda que por norma xeral non excede dos 10 ou 20 segundos. As súas adaptacións permítelle mergullarse e camiñar polo fondo do río para alimentarse de insectos, axudándose do seu bater de ás se a corrente é forte. Atopa os insectos revirando os coios do leito do río.
Reprodución
O merlo acuático aniña preto da auga, nunca a grandes alturas, en árbores, pontes e gretas. As postas varían entre os 4 e os 6 ovos, brancos e duns 26x18 milímetros, que son incubados unicamente pola femia. Os pitos eclosionan aos quince días da posta, e son cebados por ámbolos dous adultos durante aproximadamente un mes, ata que deixan o niño. As parellas de merlos adoitan pór dúas postas na mesma primavera, aínda que a segunda con unicamente 3 ou 4 ovos.
↑Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.