A medalla concedeuse en dous graos, en correspondencia coas súas versións metálicas, de prata e de bronce. En ambos os casos, non portaba o nome do destinatario.[1] A medalla de prata estivo destinada aos membros da familia real, aos dignatarios, aos altos cargos do Goberno e aos oficiais das Forzas Armadas que estiveron presentes na cerimonia de coroación, ou ben que traballaron na súa preparación ou que participaron no desfile de coroación. Pola súa banda, os suboficiais seleccionados e outros rangos que participaron no desfile recibiron a medalla de bronce.[2]
Ademais, a medalla de bronce tamén lle foi entregada a un mariñeiro ou infante de mariña de "moi bo" carácter en cada barco da Armada Británica durante a revisión naval de Spithead celebrada o 16 de agosto de 1902.[3] E tamén os dous membros do Servizo de Enfermaría Militar Imperial da raíña Alexandra que coidaron o rei durante a súa doenza previa á coroación recibiron senllas medallas de bronce.[2]
Ata 1918, a medalla levábase no lado esquerdo do peito pendurada dunha fita, xunto con outras medallas de coroación ou de xubileus reais e antes das medallas de campaña,[1] mais a partir de novembro de 1918 alterouse a orde, de maneira que as medallas de coroación pasaron a lucirse a continuación das medallas de campaña, e antes das condecoracións por longos servizos.[4]
As damas podían levar a medalla preto do ombreiro esquerdo, coa fita atada en forma de lazo.[1]
Anverso: bustos acaroados de perfil do rei Eduardo VII e a raíña Alexandra, coroados e ollando cara á esquerda, rodeados por unha coroa vexetal que conforma a grafila da medalla.[5][3]
Reverso: monograma do rei coroado sobre a data do 26 de xuño de 1902, rodeado por unha coroa vexetal da mesma forma que a do anverso.[5][3]
Debido a que o rei enfermou de apendicite, a coroación, prevista inicialmente para o 26 de xuño de 1902, tivo que posporse en tanto que o monarca non se recuperase da operación, e a coroación celebrouse en realidade o 9 de agosto de 1902. Este cambio produciuse demasiado tarde como para se reflectir nas medallas, que mantiveron a data anterior.[2]
Versións e fitas
Medalla principal
Á medalla concedida á realeza, a funcionarios, a dignatarios e a militares, descrita anteriormente, correspóndelle unha fita de cor azul escuro cunha franxa vermella central e bordos brancos a ambos os lados.[6]
Versión para alcaldes e prebostes.
Medalla para alcaldes e prebostes
Tamén se emitiu unha medalla especial, unicamente en prata e concedida a alcaldes e prebostes. A súa forma era circular, cun deseño moi similar, aínda que cos bustos dos monarcas ollando cara á dereita.[3] A súa fita era de cor azul escuro con bordos vermellos e cunha franxa central estreita de cor branca.[6]
Medalla para a Policía
Existe unha terceira versión, cun tamaño superior e un deseño diferente, dedicada aos corpos policiais. Con ela continuouse o costume de conceder unha medalla especial á Policía e aos servizos de apoio durante as grandes celebracións reais, establecido coas medallas de policía do Xubileu de Ouro e Diamante da raíña Vitoria.[7] Entregouse en prata e en bronce, segundo o rango do beneficiario,[8] e as de prata estaban reservadas para os superintendentes e superiores da Policía e do corpo de Bombeiros.[9] Concedeuse un total de 67 medallas de prata e 19.885 de bronce.[10]
Versión para a Policía.
No reverso indícase o servizo que prestaba o galardoado, o que establece cinco variantes:
Policía Metropolitana: 51 de prata e 16.709 de bronce.
Servizo de Ambulancias da Policía: 1 de prata[11] e 204 de bronce.
A medalla ten un diámetro de 36 mm e foi deseñada por George William de Saulles.[7] No anverso amosa o busto coroado e togado de Eduardo VII cara á esquerda coa inscrición EDWARDVS VII REX IMPERATOR. O reverso loce a coroa imperial sobre pólas de carballo e loureiro, e baixo a inscrición CORONATION OF HIS MAJESTY KING EDWARD VII 1902 ("Coroación da Súa Maxestade o rei Eduardo VII 1902"), e coa lenda alusiva ao corpo do seu perceptor na parte superior: METROPOLITAN POLICE, ST. JOHN'S AMBULANCE BRIGADE ou METROPOLITAN FIRE BRIGADE.[8] O rango, o nome e a división do condecorado están gravados no canto da medalla.
A súa fita é de 32 mm de ancho e de cor vermella cunha estreita franxa central azul.[6]
En 1903, o ano seguinte á coroación, emitiuse unha variante desta medalla para os membros da Policía e os servizos auxiliares escoceses en servizo durante as celebracións relacionadas coa visita do rei a Escocia no mes de maio, logo da súa coroación. Esta medalla é idéntica á anterior, agás pola inscrición do reverso, que neste caso é FROM HIS MAJESTY KING EDWARD VII 1903 ("Da Súa Maxestade o rei Eduardo VII 1903"), con SCOTTISH POLICE ("Policía escocesa") encima.[12] A cinta é de cor vermella lisa. Concedéronse 2.957 medallas, todas en bronce.[10]
↑ 9,09,1"Silver medals for the 1902 coronation to senior police officers, Derek Bunning". En Journal of the Orders and Medals Research Society. Xuño de 2017. Páxinas 106-112.
↑ 10,010,1Mussell, John W. (ed.) (2014). Páxina 284.
↑"Silver medals for the 1902 coronation to senior police officers, Derek Bunning". En Journal of the Orders and Medals Research Society. Xuño de 2017. Páxina 109.