Mars Orbiter Mission, tamén coñecida polo seu acrónimo, MOM, e alcumada como Mangalyaan (que pode traducirse como veículo marciano en sanscrito), é unha sonda espacial da India lanzada o 5 de novembro de 2013 mediante un foguete PSLV XL desde o Centro Espacial Satish Dhawan cara Marte.[1][2][4][5][3]
Características
Mars Orbiter Mission é a primeira sonda india enviada a Marte. A súa misión é principalmente de demostración tecnolóxica e dirixida a desenvolver as técnicas para enviar unha sonda a Marte ou outros planetas de maneira segura, aínda que a nave leva a bordo tamén instrumentación científica. MOM está baseada na estrutura do orbitador lunar Chandrayaan 1, usando un bus I-1K. Ten forma aproximada de cubo de aluminio e fibras compostas de 1,5 m de lado, reforzado con [[plástico]. A masa total da sonda ao lanzamento era de 1340 kg, dos cales 852 kg eran propelente. A enerxía eléctrica é proporcionada por un panel solar de 1,4 x 1,8 m composto por tres seccións que alimenta unha batería de ión litio de 36 Amperios-hora. O panel xera 800 W de potencia á distancia de Marte. A propulsión corre a cargo dun motor de 440 N de impulso que consome monometilhidracina e tetróxido de nitróxeno almacenados en tanques de propelente cunha capacidade de 390 litros. O control de actitude lévano catro volantes de inercia e oito pequenos propulsores, coa orientación da nave determinada por dous sensores estelares e un sensor solar. As comunicacións teñen lugar mediante unha antena de alta ganancia de 2,2 m en banda S, unha antena de media ganancia e outra de baixa ganancia.[1][2][4][5][3]
MOM leva a bordo cinco instrumentos:[2][4]
- Unha cámara en cor.
- Un fotómetro Lyman alfa.
- Un espectrómetro de imaxe térmica.
- Un analizador da composición neutra da exosfera marciana.
- Un sensor de metano.
Perfil da misión
MOM foi lanzada mediante un PSLV XL a unha órbita terrestre o 5 de novembro de 2013. Para aforrar propelente e facer un uso máis eficiente do mesmo foi elevando o seu apoxeo en seis acendidos ao longo de catro semanas. A sonda deixou a Terra o 1 de decembro, chegando a Marte o 24 de setembro de 2014, insertándose nunha órbita de 366 km de periapse e 80 000 km de apoapse, cunha inclinación orbital de 150° e un período de 76,7 horas, dando comezo á misión principal.[1][2][4][5][3]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 N2YO (2023). Real Time Satellite Tracking, ed. "MARS ORBITER MISSION" (en inglés). Consultado o 6 de xullo de 2023.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 NASA (28 de outubro de 2022). "Mangalyaan" (en inglés). Consultado o 6 de xullo de 2023.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "Note verbale dated 30 January 2014 from the Permanent Mission of India to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (14-01423(E)). 4 de marzo de 2014: 2. Consultado o 6 de xullo de 2023.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Gunter Dirk Krebs (2023). Gunter's Space Page, ed. "Mars Orbiter Mission (MOM, "Mangalyaan")" (en inglés). Consultado o 6 de xullo de 2023.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Mark Wade (2023). "Mars Orbiter Mission" (en inglés). Consultado o 6 de xullo de 2023.
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas