Fillo de André de Prado e de Xosefa Mariño. Estivo casado con Manuela Monroy que lle daría á súa filla Ramona (tiveron outros que morreron cedo) e con Juana Rey coa que terá a Socorro (tamén terá outra filla que non sobrevirá).
Moi cedo esculpiu dúas obras de gran beleza: o San Bieito da igrexa de San Bieito do Campo, con claras influencias no seu tratamento e expresión de Xosé Ferreiro e a delicada figura da Concepción na igrexa de Santa María do Camiño da mesma cidade, de silueta praxiteliana e composición helicoidal. Na primeira igrexa salienta tamén un San Francisco de Asís subido a un retablo sobre unha nube e entre dous anxos.
De menor exquisitez son as estatuas e o paso procesional do Encontro para o venres santo. Encargáronselle na súa propia parroquia as esculturas e o monumento que concibe en orde dórica.
A súa realización máis espectacular é o conxunto constituído polos nove retablos que, en 1806, lle encarga a confraría das Benditas Ánimas do Purgatorio, cun importante programa iconógráfico ao redor do prendemento, paixón, morte e resurrección de Xesucristo. Obra en estuco que envolve o espazo interior da Capela de Ánimas e onde se trasluce unha forza expresiva que lembra ao barroco.
Del son tamén o Retablo do Bo Xesús da Catedral de Lugo, o retablo maior da igrexa de Santiago de Vilamarín, a Virxe do Rosario da igrexa parroquial de Santiago en Padrón e, probablemente, un San Mauro na devandita igrexa de San Bieito do Campo.