Para outras páxinas con títulos homónimos véxase:
Manuel Veiga.
Manuel Veiga Pombo, nado en Ourense o 12 de decembro de 1951, é un político galego do PSdeG-PSOE.
Traxectoria
Asesor fiscal de profesión, foi concelleiro de Ourense tralas eleccións municipais de 1979, nas que foi o número 3 da candidatura do PSdeG-PSOE. Nas eleccións de 1983 e 1987 encabezou a candidatura socialista e logrou en ambas 10 concelleiros, fronte a 11 de AP. En 1987 recibiu o apoio na investidura dos 3 concelleiros de Independentes de Galicia (que encabezaba o exalcalde centrista José Luis López Iglesias), logrando 13 apoios fronte a 11 de AP, porén ao non alcanzala maioría absoluta (14), a alcaldía recaeu no aliancista Jorge Bermello como cabeza da lista máis votada, dado que os 3 edís do CDS votaran en branco. Porén, Bermello dimitiu en decembro de 1987 dado a que un dos edís do CDS, Balbino Álvarez derrubou xunto cos socialistas e independentes os seus orzamentos[1]. Desta forma, foi investido alcalde ao contar nesta ocasión con 14 votos, e polo tanto maioría absoluta, grazas ao apoio dos independentes e de Álvarez, formando os socialistas un goberno con ambos. Foi elixido deputado nas Eleccións ao Parlamento de Galicia de 1985, renunciando tralo seu acceso á alcaldía. En outubro de 1988 foi designado coordinador do PSdeG-PSOE na provincia de Ourense. Porén, as discrepancias do edil independente José Luis Mondelo co seu líder López Iglesias e posteriormente co propio Veiga, derivaron nunha situación de inestabilidade que cluminou nunha moción de censura en setembro de 1990 que lle outorgou a Alcaldía a Mondelo co apoio do PPdeG e o CDS[2].
Nas municipais de 1991 encabezou de novo a candidatura socialista, integrando nela aos concelleiros independentes cos que gobernara no anterior mandato (López Iglesias, Balbino Álvarez, José Lorenzo), e gañou as eleccións con 12 concelleiros, polo que recuperou a alcaldía como cabeza da lista máis votada. En 1994 pasou a ser vicesecretario xeral do PSdeG-PSOE, baixo o liderado de Francisco Vázquez. O mandato rematou con fondos desencontros dentro do partido e do goberno, sobre todo coa marcha dos edís López Iglesias e Balbino Álvarez, que encabezarían as candidaturas de PIE e ADEI-O, respectivamente, en 1995. Esta situación, supuxo un forte desgaste para os socialistas, que caeron ata 7 concelleiros e perderon a alcaldía fronte á maioría absoluta do PPdeG, quedando os edís díscolos moi lonxe de lograr representación. Desta forma non recolleu a acta de concelleiro e renunciou como vicesecretario dos socialistas galegos e coordinador provincial, cedéndolle a portavocía no concello ao seu número 2, Xabier Casares. A peonalización da Ponte Vella e a Rúa do Paseo foron algúns dos feitos máis destacados durante a súa etapa de alcalde.
Volveu á primeira liña política nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 1997, nas cales encabezou a candidatura socialista pola provincia de Ourense e foi elixido deputado, retirándose novamente da política tralo fin do mandato en 2001.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos