Aos 13 anos trasladouse a Barcelona, onde traballou nunha tenda téxtil ata 1905. Emigrou a Buenos Aires en 1906, onde se dedicou a actividades comerciais. En 1919 fundou a Empresa Manuel Puente e Compañía, que se converteu na máis importante casa de xoiería e de pratería da Arxentina. Formou parte da directiva da Cámara de Comercio Española, da que dimitiu para cofundar a Cámara de Comerciantes Republicanos Españoles en 1936. Foi directivo da Federación de Sociedades Gallegas e presidente da Unión Progresista do distrito de Salvaterra de Miño. A finais dos anos vinte inaugurou en Salvaterra de Miño a Casa do Pobo. Contribuíu á fundación do Consello de Galicia, foi membro de honor do Centro Provincial Ourensán e Pontevedrés, fundou a Editorial Nós e patrocinou o periódico Correo de Galicia.
Fundación Manuel Puente
A súa filla Rosa Puente Foglia creou en Buenos Aires a Fundación Manuel Puente que ten como obxectivos a conservación e difusión do seu arquivo persoal, a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas, e a catalogación dos fondos documentais e editoriais das institucións galegas establecidas na Arxentina.