Manuel Baqueiro López de Sá,[1] nado en Madrid, 20 de abril de 1976, tamén coñecido como Manu Baqueiro, é un actor español, coñecido principalmente polo seu papel de Marcelino «Marce» Gómez en Amar en tiempos revueltos e Amar es para siempre.[2]
É irmán maior do tamén actor Alfonso Bassave.[3]
Traxectoria
Ten orixes galegas tanto por parte paterna como materna. Seu pai é natural de Pontevedra e súa nai é a tamén galega Julia López de Sá, descendente de Eduardo Bassave Rodríguez de Alburquerque, o primeiro marqués de San Eduardo.[4][5] Trala separación de seus pais, súa nai casou cun coruñés, matrimonio froito do cal naceu o tamén actor Alfonso Bassave.[6]
Unha vez rematados os seus estudos de bacharelato, ingresou na Universidade Complutense de Madrid onde se licenciou en Dereito. Malia traballar durante un ano neste campo, decidiu probar sorte no mundo da interpretación e realizou varios cursos. Mentres completaba a súa formación, gañaba a vida con traballos de produción que compaxinaba coa súa carreira como actor. En 2005 comezou a interpretar a Marcelino Gómez Díaz ("Marce") na telenovela Amar en tiempos revueltos, personaxe que interpretou durante os seguintes sete anos. A continuación interpretou o mesmo papel no spin-off da serie, Amar es para siempre e en Luimelia.
Grazas a que se converteu nun rostro coñecido na televisión, puido participar en campañas de moda para o suplemento do xornal El País e participar en curtametraxes benéficas como Busco (2005).
Notas