O mala (rosario budista) é un contador que, coma no cristianismo, no hinduísmo ou no islam, ten a finalidade de levar a conta das oracións ("mantras" neste caso) recitadas. É un modo sinxelo de centrar a atención na recitación sen distraerse; por outra banda, serve para acoutar un tempo de recitación a un número concreto de mantras (segundo a práctica que se estea a facer).
Descrición
O mala consta de 108 contas, enfiadas por tres fíos de tea entrelazados e atados polos extremos. No extremo no que se fai o nó, situáse unha conta meirande que as demais cun penacho de fíos que permite saber, mediante o tacto, cando se chega ao fin dunha volta (tamén é consierada como a representación do Guru ou mestre).
A razón pola que consta de 108 bólas ten diversas explicacións.
É un número especial por ser divisible entre 27 (as casas lunares) entre 3 e 2.
Número sagrado na tradición Hindú para nomear as divindades, aínda que tamén os musulmáns usan 108 contas.
Serve de axuda para que como mínimo se reciten 100 mantras correctamente, por se se esquece algunha conta ou non se fai coa concentración debida.
Tamén existen malas de 22 e 27 contas. Polo que non é imprescindible que conte con 108. As contas son circulares e de diversos materiais: aínda que, tradicionalmente, fanse de sementes de árbore de bodhi, sándalo vermello (os máis comúns), óso, cristais, pedras preciosas ou doas, (tamén existen de chumbo e outros metais). Aínda que a maioría son homoxéneos no seu material, nalgúns intercálanse contas doutras cores, co fin de dividilos en catro seccións de 27, 54 e 81; ou co fin de levar a cabo recitacións litúrxicas concretas: 10, 21, 25, 27, 42, 54, 60, 100.
Que se recita co mala?
Principalmente recítase un mantra por cada conta. Os mantras son oracións ou palabras de poder, que teñen como fin transformar a mente e disipar as impurezas que hai nela aumentando o potencial da mente pura. A súa recitación continuada pódese utilizar para meditar, purificar etc... Esta actividade ten como obxectivo a mente de cada quen, e non se dirixe a ningures máis que á mente. A recitación, non obstante, pode axudar tamén polo mérito, acadando a purificación e liberación dos demais seres vivos sentintes. Existe un gran número de mantras, e cada cal pode estar ligado a unha práctica concreta nun contexto litúrxico concreto ou ben pode ser usado en calquera momento. O mantra máis común entre os budistas é: OM MANI PEME HUNG, chamado mantra de Chenrezig (Avalokiteshvara) ou mantra da compaixón.
Modo de recitado
Recítase en voz alta ou movendo os beizos, colléndoo coa man esquerda e pasándoo cara ao interior, por cada mantra, unha conta; ó chegar a última conta, dáselle a volta e vólvese a recitar pasando na dirección inversa (por onde se rematou).
Venda de malas
Actualmente é moi común atopar malas á venda como obxectos de bixutería e xoiería, tamén en tendas de esoterismo ou de natureza etc. Aínda que estruturalmente é igual ca un colar e cadaquén lle pode dar o uso que desexe, para os budistas trátase dun obxecto ritual de grande importancia por con el se recitar mantras sagrados e palabras de poder; de aí que, para moitos practicantes, esta comercialización e uso indebido sexa unha falta de respecto ás súas crenzas. Así a todo, o carácter moral do budismo tampouco invita a censurar ou atacar esta práctica comercial.
Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!