Unha linguaxe de marcas lixeira ou LML (en inglés: Lightweight markup language), tamén chamada linguaxe de marcas humana ou simple, é unha linguaxe de marcas cunha sintaxe sinxela e clara. As LML están deseñadas para poder usarse en calquera editor de textos e lerse con facilidade antes de compilar.
Adoitan empregarse en contextos nos que é necesario ler o documento orixinal e a súa versión final. Por exemplo, unha persoa que descargue unha biblioteca de software (en inglés: library) pode querer ler a documentación nun editor de texto, no canto de nun navegador web. Outro uso para este tipo de linguaxes é a entrada de datos para publicacións na rede, como blogs ou wikis, onde a interface de entrada é unha simple caixa de texto.
Historia
As LML usábanse na súa orixe en pantallas que non podían representar caracteres en itálicas ou letra grosa, polo que tiveron que desenvolverse métodos para transmitir esta información. Este tipo de formato trasladouse ás comunicacións en correo electrónico.