Os dous satélites LightSail eran CubeSats de tres unidades lanzados como sucesores da misión fallada Cosmos 1. Das tres unidades de cada CubeSat, unha funcionaba como módulo de control e electrónica mentres que as outras dúas contiñan a vela solar. Os satélites tamén levaban cámaras e sensores para monitorizar o despregue da vela. A vela solar de cada LightSail estaba composta por catro triángulos de mylar formando un cadrado de 32 m2.[1][2]
LightSail 1 foi lanzado o 20 de maio de 2015 a bordo dun Atlas 5 nunha órbita de 356 x 700 km. Despois de dous días sufriu un problema de software, deixando de responder e non conseguíndose reiniciar o ordenador de a bordo mediante comandos desde terra. Desde o control esperouse a que un impacto fortuíto de radiación espacial reiniciase o ordenador, o que sucedeu tras varios días despois do fallo, recuperándose o control do satélite. Conseguiuse despregar totalmente a vela o 7 de xuño de 2015, co satélite reentrando na atmosfera terrestre o día 15 dese mes, tras 25 días en órbita.[1][2]
LightSail 2 foi lanzado, contido á súa vez no satélite Prox 1, a bordo dun Falcon Heavy o 25 de xuño de 2019 a unha órbita de 709 x 726 km. O satélite foi despregado desde Prox 1 unha vez na súa órbita final, estendendo a súa vela o 23 de xullo de 2019, coa Sociedade Planetaria declarando o éxito da misión o 31 de agosto tras comprobar que o apoxeo da súa órbita aumentara en 2 km grazas á vela solar en catro días.[1][2]