Laurel e Hardy (Laurel and Hardy), tamén coñecidos como O gordo e o fraco, foi un dúo cómico formado polos actores Stan Laurel (Arthur Stanley Jefferson) e Oliver Hardy (Norvell Hardy), que realizou filmes (curtametraxes e longametraxes) de gran popularidade maiormente nas décadas dos anos 20 e 30.
O dúo
O encontro entre os dous comediantes, como actores independentes deuse na película The Lucky Dog, producida in 1919 por Sun-Lite Pictures e exhibida en 1921. Como parella debutaron en 1926 co curto Slipping Wives dirixida por Fred Guiol e supervisada por Leo McCarey. Os curtos posteriores son do mellor da súa produción. En 1931 comezaron coas longametraxes, grazas ós que atinxiron fama mundial. En 1939 se separaron e Hardy protagonizó Zenobia, con Harry Langdon, e fixo algúns roles secundarios en filmes de Waggner e Frank Capra. Uns meses despois voveuse a reunir con Stan Laurel. En 1952 realizaron un filme en Francia. Logo dedicáronse máis ó teatro e á televisión.
Traballando nun teatro de Inglaterra, Hardy caeu enfermo de pneumonía e en setembro de 1956 deulle un ataque de apoplexía que o paralizou ata a súa morte, acontecida case un ano despois (o 7 de agosto de 1957).
Hardy foi un cómico de menos recursos que Stan Laurel, pero proporcionou os seus coñecementos da escola estadounidense de Sennett e Roach, baseada na improvisación e o gag.
A súa sona estendeuse por numerosos países. As súas películas dobrábanse a varios idiomas (foron unhas das primeiras películas dobradas); meticulosos, eles mesmos dobraban, polo que a versión en castelán achega as súas verdadeiras voces.
Anos despois de realizaren o seu último filme, para se dedicar exclusivamente ós palcos, os seus antigos filmes de curtametraxe, principalmente os da época do cine mudo, foron transformados en episodios completos dunha serie televisiva.