O lanzamento de peso é unha modalidade olímpica do atletismo, onde os atletas compiten para lanzar unha bóla de metal o máis lonxe posíbel. As calidades principais do atleta desta especialidade son a forza e a aceleración. A diferenza do lanzamento de xavelina, de martelo e de disco, neste deporte o peso ten que ser empurrado, mentres que os demais son proxectados con características distintas.[1][2]
Os primeiros eventos que teñen semellanza co moderno lanzamento de peso ocorreron na Idade Media, cando os soldados competían empurrando balas de canón o máis lonxe posíbel. No inicio do século XIX, os escoceses promovían torneos onde lanzaban cubos, pedras ou metais arredondados á distancia por tras dunha liña.[5] Os primeiros rexistros da competición como é coñecida hoxe vén da Escocia do inicio do século XIX e despois pasaron a formar parte do Campionato Británico Afeccionado de Atletismo iniciado en 1866.
A bóla oficial masculina ten unha masa de 7,26 kg e está xeralmente feita de bronce ou ferro fundido e chumbo, posuíndo preto de 12 cm de diámetro. Na categoría feminina pesa 4 kg e o seu diámetro é de 9 cm aproximadamente.[5]
O lanzador ten unha área restrinxida circular de diámetro 2,135 m para se mover, cun anteparo semicircular de formigón ou madeira de 10 cm de altura no límite frontal dela; no inicio do lanzamento, o peso debe estar colocado entre o ombreiro e o pescozo do atleta e empurrado coas puntas dos dedos, e non coa palma da man. Durante o lanzamento, o atleta debe rodar sobre si mesmo e empurrar (técnica con xiro). A marca obtida en cada lanzamento mídese a partir do primeiro lugar onde o peso bate no chan, dentro dun sector predeterminado con 35° de abertura; o atleta non pode tocar no anteparo do chan, nin superalo co pé e o lanzamento debe ser sempre feito nunha liña por enriba do ombro. No caso de que abandone o círculo antes do peso tocar o chan ou se retirar del pola fronte ou polo lado, o lanzamento é invalidado.[5]
En competicións oficiais, se houber ata oito competidores participando, cada atleta ten dereito a seis lanzamentos. Cando hai máis de oito, cada un ten dereito a tres lanzamentos e só os oito primeiros fan tres lanzamentos máis. A posición na clasificación determínase pola distancia obtida no lanzamento válido máis longo; en, caso de empate, vale a segunda maior marca do atleta.
A técnica do xiro, a máis usada actualmente, en que o atleta fai o movemento xiratorio co corpo semellante ao lanzamento de disco conseguindo maior impulso, foi primeiramente usada polo soviético Aleksandr Baryshnikov no comezo da década de 1970, creada polo seu técnico Viktor Alexeyev; con ela, Baryshnikov conquistou a marca mundial da modalidade en 1976, chegando aos 22 metros.[5]