L'últim home que parlava català é unha novela do escritor e diplomático Carles Casajuana, publicada en Barcelona por Editorial Planeta en 2009, e gañadora do Premi Ramon Llull de novel·la do mesmo ano[1].
Trama
Ramón Balaguer é un escritor que pediu unha excedencia para dedicarse por completo a escribir unha novela sobre a separación dunha parella. Vive nun bloque de edificios do barrio barcelonés de La Ribera, e é o único habitante do seu edificio. Balaguer sofre acoso inmobiliario por parte do propietario dos demais pisos do bloque, un tal Soteras, para que marche e ter vía libre para reformar o edificio e poder especular coas vivendas. Pero Balaguer resístese a marchar até non rematar a novela, á cal dedicou moitos esforzos económicos e de concentración.
Un día ve que alguén ocupou un dos pisos baleiros. Pensa que é unha trampa de Soteras e intranquilízase, pero descobre que é outro escritor afeccionado, Miquel Rovira. Está a escribir unha novela ambientada no futuro, sobre o último home que falaba catalán, desde un punto de vista policial, analizando as causas e nun principio sen discurso moral. Conforme avanza a trama, analízase o proceso de escritura e o contido da novela.
Rovira coñece a Balaguer por outras novelas súas, pero critícalle que escriba nun castelán forzado, demasiado catalán, o que Balaguer non atopa correcto. Entre eles xorde unha amizade e comezan a facer cousas xuntos. Un día van cear co grupo de amigos e amigas de Rovira, e Balaguer pode ver que son bastante fundamentalistas coa situación da lingua catalá. Balaguer comeza unha relación amorosa con Rosa, a rapaza que estaba con Miquel.
Ao coñecer a nova relación Rovira enfádase, pero perdoa a Balaguer pola paixón literaria e creadora que comparten. Mentres tanto, Soteras continúa acosando a Balaguer, descobre a Rovira e tapia a porta do piso que ocupaba. Tamén a relación entre en Balaguer e Núria vai a máis, pero cando esta se decata de que a literatura é máis importante que ela, que non se decide a aceptar os cartos que lle ofrecen polo piso e iniciar unha vida en común, déixao.
Ao final Rovira chega á conclusión da súa novela sobre a desaparición do catalán, pero queda aberta a situación de Balaguer e a súa novela.
Narración
A novela está narrada en terceira persoa, cun narrador omnisciente. Desenvólvese en Barcelona, principalmente no barrio vello no que vive Balaguer, durante un inverno.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas