Kevin Sánchez Rey, nado en Burgos o 20 de febreiro de 2005, é un futbolista español, que xoga como dianteiro no Fabril, da Segunda División RFEF. É internacional coa selección española sub-19.
Traxectoria
Naceu en Burgos e ten ascendencia galega por parte de seu avó, natural de Pontedeume.[1] Comezou a xogar ao fútbol no Inter Vista Alegre, pasando aos 9 anos á canteira do Burgos CF, na que permaneceu ata 2019, cando con 14 anos recibiu a chamada do Deportivo da Coruña.[2][3]
A súa primeira tempada en Galicia pasouna xogando cedido no San Tirso de Mabegondo, club que conta cun convenio de colaboración co Deportivo. Na tempada 2020/21 compaxinou o cadete do Deportivo co xuvenil B e na seguinte foi xa o máximo goleador do xuvenil B. Na 2022/23 subiu ao xuvenil A e proclamouse máximo goleador do Grupo I da División de Honra, con 21 goles.[4] Ademais, esa mesma tempada disputou as segundas semifinais da Copa do Rei Xuvenil da historia do club, debutou co Fabril en Terceira RFEF nun derbi ante o Silva e foi convocado coa selección española sub-18.
En agosto de 2023 debutou co primeiro equipo do Deportivo da Coruña no Memorial Arsenio Iglesias fronte ao Atlético Arteixo, substituíndo tralo descanso a Tim Caroutas, e disputou tamén a 78ª edición do Trofeo Teresa Herrera, fronte ao Red Bull Bragantino II.[5][6] O 6 de decembro de 2023 debutou en partido oficial, na segunda rolda da Copa do Rei ante o Tenerife en Riazor, e marcou na prórroga o gol que colocou o 2-2 no marcador, pero uns minutos despois outro gol de Sergio González decantou a eliminatoria para o club canario.[7] Catro días despois xogou tamén co Deportivo en liga, na 16ª xornada da Primeira División RFEF contra o Sestao, substituíndo no treito final a Diego Villares.[8]
Selección española
En novembro de 2022 foi convocado por primeira vez pola selección española sub-18 dirixida por Pablo Amo, coa que debutou o día 8 nun partido ante Suíza en Las Rozas.[9][10] Cinco meses despois, en Soleura, no seu cuarto encontro internacional, marcou ante a propia Suíza o seu primeiro gol coa selección.[11]
O 15 de novembro de 2023 debutou coa selección sub-19, xogando como titular ante Moldavia nun partido de clasificación para a Eurocopa sub-19 disputado no estadio Mikheil Meskhi de Tbilisi, e marcou o cuarto dos cinco goles do seu equipo (5-0).[12]
Palmarés
- Fabril
- Deportivo da Coruña
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
|
---|
Campión da Primeira División RFEF |
|