Karen Vilhelmine Lachmann, nada en Pequín o 30 de maio de 1916 e finada en Hellerup o 30 de setembro de 1962, foi unha tiradora de esgrima danesa, gañadora de dúas medallas olímpicas en florete.
Traxectoria
Karen practicou esgrima desde nova, en 1931 entrou no club de esgrima Cirklen e a partir de 1935 pertenceu ao Trekanten. Competiu en catro Xogos Olímpicos 1936 en Berlín, 1948 en Londres, 1952 en Helsinqui e 1956 en Melbourne. En todos eles chegou á final cos seguintes resultados: En 1936 chegou á quinta praza, en 1948 levou a medalla de prata, en 1952 a de bronce e en 1956 quedou de sexta.
Logrou grandes resultados noutras competicións, en 1937 foi bronce co equipo danés nos mundiais, logrando o ouro nas edicións de 1947 e 1948 e a prata en individual en 1949. Deixou de competir por un tempo por problemas nas costas pero xa en 1951 volveu á alta competición, gañaou o campionato danés e foi prata nos mundiais dese ano e ouro individual en 1954, ademais gañou todos os campionatos nacionais daneses entre 1951 e 1957. En 1958 tivo que deixar a competición para someterse a unha nova operación pero en 1959 volveu gañar os campionatos nacionais.
Durante a segunda guerra mundial foi brevemente membro do consello da Federación Danesa de Esgrima, foi tamén presidenta do seu club, o Trekanten, desde 1955 ata a súa morte e membro do Comité Olímpico Danés en 1962 pouco antes de morrer.
Véxase tamén
Ligazóns externas