José Pérez Pombo, nado na Coruña en 1892 e finado na mesma cidade o 21 de xaneiro de 1924, foi un futbolista galego, que xogaba como centrocampista.
Traxectoria
Naceu na Coruña en 1892, sendo un dos cinco fillos de Cándido Pérez Rodríguez e Manuela Pombo Salgado. Foi xogador do María Pita e máis tarde histórico capitán do Real Club Coruña, onde coincidiu con xogadores como Quincho Yarza ou Joaquín Caruncho.[1][2] Foi a primeira grande estrela do fútbol coruñés e en 1913 formou parte do primeiro partido da historia da selección española, en Amute contra Francia. Formou no centro do campo xunto aos vascos Enrique Figueroa e Bonifacio Echeverría, nun partido que rematou con empate a un gol.[3]
Ademais da súa faceta futbolística, practicou outras disciplinas. Foi debuxante e caricaturista, escritor e formou parte do coro Cántigas da Terra.[4][1] Tamén escribiu un libro sobre fútbol titulado Compendio del Reglamento del fútbol.[1]
Faleceu na Coruña o 21 de xaneiro de 1924, con só 31 anos tras unha enfermidade larínxea. No lapso de cinco anos, a súa familia perdeu catro membros, pois seu pai falecera en 1922,[5] mentres que súa irmá Araceli morreu en 1926 e súa nai en 1927.[1]
Familia
Os seus irmáns eran Herminia, Consuelo, Luis e Araceli, sendo estes dous últimos tamén deportistas. Luis foi futbolista e xogou entre outros no Deportivo da Coruña, mentres que Araceli foi unha pioneira do tenis en Galicia e chegou a practicar bobsleigh en Suíza.[1][6] Era ademais cuñado do tamén futbolista Carpio Martínez, esposo de súa irmá Herminia e compañeiro seu no Real Club Coruña.[1]
Notas