José Antonio Pérez Alvite, coñecido simplemente como Alvite, nado o 15 de decembro de 1962 en Negreira, é un exfutbolista galego. Histórico defensa do Lugo, é o xogador con máis partidos na historia do club (442), no que militou durante 13 tempadas entre 1986 e 1999. Capitán durante unha década, en 1992 marcou de cabeza o gol que supuxo o primeiro ascenso á Segunda División da historia do club.
Traxectoria
Comezos
Comezou a súa carreira na SD Negreira, da súa vila natal, xogando dende os 16 anos no seu equipo xuvenil.[1] Pouco despois xa xogaba co primeiro equipo na Liga da Costa, e con 18 anos foi fichado polo Flavia, da Terceira División, onde xogou durante dous anos e onde tivo como adestrador a Xulio Díaz.[1]
Destinado a Jaca para realizar o servizo militar, xogou mentres no Jacetano, durante a tempada 1983/84, equipo co que chegou a disputar un partido da Copa do Rei ante o Osasuna, da Primeira División. De regreso en Galicia xogou no Noia, e tras aprobar as oposicións a garda forestal e recibir unha praza na Estrada, fichou polo Boiro en 1985.[1] Militou durante unha campaña no equipo de Barbanza, e en 1986 foi traspasado ao Lugo por un millón de pesetas.[1][2]
Lugo
Debutou co Lugo en partido oficial o 7 de setembro de 1986, nun encontro da Segunda División B ante o Mallorca Atlético. Titular durante toda a campaña ás ordes do adestrador Segura, sumou 41 partidos e 3 goles, o primeiro deles marcado no campo do Sangoñedo de Chantada, nun partido de Copa ante o Gran Peña.[3] O seu primeiro gol en liga chegou no Estadio do Miño, contra o Ourense.[4] Mantivo a titularidade na inmensa maioría de partidos da seguinte década e cos diferentes adestradores que pasaron polo banco do club durante ese tempo.
En 1989 converteuse no capitán do equipo, sucedendo a Gonzalo Edrosa, que levou o brazalete brevemente trala marcha de Carlos Mouriz. Na tempada 1991/92, con Xulio Díaz no banco, o equipo rematou segundo por detrás do Salamanca, clasificándose para a promoción de ascenso por segundo ano consecutivo. Titular nos seis encontros da fase de ascenso, Alvite marcou un gol en cada un dos dous últimos partidos ante o Sant Andreu, incluído o gol na vitoria no derradeiro e decisivo partido, co que o Lugo conseguiu ascender á Segunda División por primeira vez na súa historia.[5]
Na tempada 1992/93 debutou na categoría de prata, na terceira xornada ante o Eibar. Disputou 29 partidos durante esa campaña, na que o equipo lucense acabou descendendo de novo a Segunda B. Continuou capitaneando o Lugo na categoría de bronce durante seis anos máis, acadando os 442 partidos oficiais, máis que ningún outro xogador da historia do club.[6]
Trala retirada
Despois de colgar as botas traballou na súa profesión de garda forestal. En 2015 regresou ao Lugo como delegado,[7] función que realizou durante cinco anos, ata que foi substituído en 2020 por José Luis Corral.[8]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas