Josu Bergara Etxebarria, nado en Bilbao en 1935, é un político do País Vasco de ideoloxía nacionalista vasca. Ocupou importantes cargos institucionais tanto no Partido Nacionalista Vasco como nas institucións forais e autonómicas. Foi conselleiro de Transportes e Obras Públicas do Goberno vasco en 1991 e máis adiante, deputado xeral de Biscaia entre 1995 e 2003.
Biografía
Naceu no barrio bilbaíno de Deusto o 29 de decembro de 1935. En 1971 obtivo o doutoramento de enxeñaría industrial pola Escola Superior da capital biscaína, antes de dedicarse á política, traballou en diversas empresas de Vitoria, Santander e Bilbao entre os anos 1964 e 1977.[1]
Traxectoria política
En 1976 foi elixido como primeiro presidente da Xunta Municipal de Deusto do PNV. Relator de Organización na asemblea rexional de Biscaia en Euba e na Asemblea Nacional en Pamplona. Membro do Bizkaia Buru Batzar con cargo de secretario. En 1979 foi apoderado electo na primeira lexislatura das Xuntas Xerais nas que ademais foi portavoz do PNV. Ao mesmo tempo que foi membro da Comisión Permanente de Xuntas Xerais e Coordinador dos grupos parlamentarios do partido.
Presentouse ás primeiras eleccións ao Parlamento Vasco na candidatura do PNV por Biscaia, obtendo o seu escano na recentemente creada Cámara Vasca. Foi renovando o cargo no órgano lexislativo en sucesivas eleccións até 1990. En 1991 foi nomeado conselleiro de Transportes e Obras Públicas do Goberno Vasco polo Lehendakari José Antonio Ardanza.
Nas eleccións forais de 1995 presentouse como candidato do PNV ao cargo de deputado xeral, gañou as eleccións e obtivo o Goberno Foral. Presentouse con éxito á reelección nas eleccións forais de 1999. Ao finalizar a súa segunda lexislatura, en recoñecemento á súa xestión, obtivo o galardón de Personalidade Europea do ano.[2] En 2003 non volveu presentarse á reelección e abandonou a política institucional.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas