James Currant Baxter, nado o 29 de setembro de 1939 e finado o 14 de abril de 2001 por mor dun cancro, foi un xogador escocés de fútbol.
Traxectoria
Nado no lugar de Hill O'Beath, na rexión de Fife comezou a súa carreira coma xogador no equipo do Raith Rovers F.C. para despois cumprir coa etapa de máis importancia na súa carreira ó fichar polo Rangers no 1960 coa idade de 20 anos e cun récord daquela de 17.500 £ pagadas polos seus servizos. No 1965 fichou polo Sunderland A.F.C., no 1967 polo Nottingham Forest F.C. e no 1969 volveu ó Rangers para retirarse na tempada seguinte con tan só 30 anos.
Acadou 34 internacionalidades pola Selección escocesa de fútbol lembrándose especialmente aquela na que tivo unha actuación ben salientable fronte a Inglaterra no 1967 no mítico estadio de Wembley, onde os escoceses foron quen de vencer por 2-3 e o que provocou que se proclamasen a si mesmos campións do mundo por se-la primeira selección en gañalos dende que quedaran campións da Copa do Mundo un ano antes.