Jaime González Chas, nado na Coruña o 11 de agosto de 1933 e finado en Arteixo o 28 de novembro de 2011, foi un tirador galego, que participou en catro Xogos Olímpicos (Cidade de México 1968, Múnic 1972, Montreal 1976 e Moscova 1980).
Traxectoria
González Chas foi o practicante de tiro deportivo con maior transcendencia de Galicia. Practicante de diversas especialidades, proclamouse campión de España en 59 ocasións. En 1968 participou por primeira vez nos Xogos Olímpicos, na edición de México (posto 31º), participación olímpica que revalidou en Múnic 1972, onde obtivo o seu resultado internacional máis destacado, pois conseguiu un diploma olímpico ao rematar en quinta posición na final de pistola de velocidade 25 metros, competición gañada polo polaco Józef Zapedzki. Tamén participou en seis edicións do Campionato Mundial de Tiro.[1]
Participou posteriormente en dúas edicións olímpicas máis como tirador, Montreal 1976 (20º clasificado) e Moscova 1980 (22º clasificado[2]), e en dúas edicións como adestrador e seleccionador de España (Barcelona 1992 e Atlanta 1996). Despois da súa retirada da práctica do tiro en activo dedicouse á formación e ao adestramento da especialidade.
Foi socio fundador da Real Sociedade Deportiva Hípica da Coruña.
Obra
- La preparación del tirador (1997)
Recoñecementos
Notas