A tipoloxía máis xeral dos reversos destas moedas é unha figura feminina (que podería representar a Xerusalén) ollando cara á dereita e con actitude lutuosa, sentada na base dunha palmeira. Á súa esquerda é frecuente a figura dun homebarbado cativo en pé (quizais representando a Xudea), coas súas mans atadas nas costas, aínda que tamén pode aparecer o emperador vitorioso en pé ou a deusa Vitoria, cun trofeo de armas, escudos e cascos.[2]
Serie Iudaea Capta (anepigráfica).
A/ T CAES IMP VESP PO-N TR POT; busto laureado cara á dereita.
R/ Anepigráfica; xudía de loito sentada baixo palmeira e Vespasiano en pé con vestimenta militar, co pé sobre un casco e sostendo lanza e espada.
A lenda pode aparecer en diferentes versións: IUDAEA CAPTA ("Xudea [foi] conquistada"), nalgúns casos a máis explícita IUDAEA DEVICTA ou DEVICTA IUDAEA ("Xudea [foi] derrotada"), ou mesmo DE IUDAEIS ("[o botín] dos xudeus") e unicamente IUDAEA ("Xudea").[4] Nalgunhas ocasións a lenda aparece en grego, IOYΔAIAΣ EAΛΩKYIAΣ,[5] a tradución do latín IUDAEA CAPTA, e tamén pode estar ausente, en cuxo caso a atribución a esta serie se basea soamente na iconografía da moeda.[2]
A palmeira pódese amosar en combinación coa muller lutuosa ou sen esta última. En opinión de Andrea Moresino-Zipper, no primeiro caso é a muller a que representa a Xudea derrotada, en tanto que a palmeira impoñente e dominante simboliza a Roma vitoriosa, en tanto que no segundo caso a palmeira representaría a Xudea.[2]
Historia
A cuñaxe das moedas da serie Iudaea Capta estendeuse durante 25 anos baixo o imperio de Vespasiano e dos seus dous fillos que o sucederon no cargo: Tito e Domiciano (81-96). Estas moedas conmemorativas foron cuñadas en bronce, en prata e en ouro na ceca de Roma, noutras cecas imperiais romanas e tamén na propia Xudea.[6] Emitíronse con valores moi diversos e coñécense arredor de 48 tipos diferentes.[7][8]
De todas elas, só as de bronce foron cuñadas en Cesarea, na provincia romana de Xudea. Estas moedas teñen un aspecto menos refinado que as da capital do imperio e as súas lendas son en grego, no canto do latín. O motivos máis habituais dos seus deseños son a deusaNiké escribindo sobre un escudo, ou Minerva cunha lanza, un escudo, un trofeo e unha palmeira, etc. A maioría destas moedas foron cuñadas durante o período do emperador Domiciano (81-96 d. de C.).[6]
Mesmo o monarca xudeu Agripa II, bisneto de Herodes o Grande, cuñou moedas da serie Iudaea Capta. Criado en Roma, na corte de Claudio (41-54 d. de C.), Agrippa estaba totalmente romanizado e tiña grande amizade con Tito, a quen apoiou durante a primeira revolta xudía. A súa moeda de bronce desta serie foi cuñada en Tiberíades e amosa un retrato de Tito no anverso xunto coa inscrición en grego ΚΑΙΣΑΡ ΣΕΒΑΣ ΑΥΤΟΚΡ ΤΙΤΟΣ ("César Augusto Emperador Tito"), en tanto que no reverso se representa a deusa Niké andando e sostendo unha coroa e unha póla de palma no seu ombreiro, cunha estrela no campo dereito e a inscrición ETO - KS BA AGRI-PPA.[9]