Israel "Isra" Pérez Buján, nado na Coruña o 28 de maio de 2000, é un futbolista galego que xoga como lateral dereito no Bergantiños, da Segunda División RFEF. É irmán xemelgo do tamén futbolista Álex Pérez, xogador do Racing Vilalbés.
Traxectoria
Formouse como futbolista na canteira do Ural, conseguindo o ascenso á Liga Nacional Xuvenil na tempada 2016/17. En 2018 fichou polo equipo xuvenil do Deportivo da Coruña, co que xogou 24 partidos na División de Honra, nos que marcou 5 goles.
Para a tempada 2019/20 foi cedido xunto ao seu irmán ao Arzúa, co que debutou na Terceira División. Foi titular en case todos os partidos da histórica campaña, a primeira do club na categoría, que acabou na sexta posición da táboa.[1] De regreso na Coruña, pasou a formar parte do Fabril, tamén en Terceira. Co filial do Deportivo, disputou 8 partidos, 5 deles como titular. En decembro debutou co primeiro equipo do Deportivo, durante a disputa da 75ª edición do Trofeo Teresa Herrera ante un combinado coruñés.[2]
No verán de 2021 asinou como novo xogador do Ourense CF, da Terceira RFEF.[3] Titular na banda dereita do equipo azul, conseguiu o ascenso á Segunda División RFEF na súa primeira campaña, despois de derrotar na promoción a Fabril,[4] Barco e Llerenense.[5] Na tempada 2022/23 disputou 25 partidos en Segunda RFEF, marcando un gol ante o Rayo Cantabria.[6]
Para a tempada 2023/24 fichou polo Bergantiños, equipo que viña de descender á Terceira División RFEF.[7]
Vida persoal
Mantén unha relación sentimental coa futbolista internacional Athenea del Castillo, campioa do mundo coa selección española, á que coñeceu mentres ela defendía a camiseta do Deportivo da Coruña Feminino e el a do Fabril.[8][9]
Notas