A igrexa de Träkumla (sueco: Träkumla kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Träkumla, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Historia e arquitectura
A presente igrexa de pedra estivo precedida por unha de madeira no mesmo lugar.[1] A parte máis antiga do edificio é o coro rectangular, que foi construído a mediados do século XIII. A nave foi engadida pouco despois. A igrexa foi planeada para ter unha torre; as paredes grosas no extremo occidental indican que se fixeron preparacións para levantar a torre, pero esta nunca chegou a construírse. O presente chapitel de madeira é do ano 1917.[2] Unha inscrición sobre o portal principal, agora perdida, dicía que a igrexa foi inaugurada o 1 de setembro de 1287.[1] A igrexa foi abandonada en 1868 pero restaurada en 1917. No ano 1951 pasou por outra restauración.[2]
No interior a igrexa está decorada con frescos realizados polo artista coñecido como Passionsmästaren a mediados do século XV. Estes representan escenas da lenda de Santo Olavo.[2] A igrexa alberga varios obxectos medievais. A pía bautismal é do século XII e probablemente pertencía á primeira igrexa de madeira.[1] Tamén hai unha cruz triunfal, unha cruz procesional e unha Madonna, todos do século XV, ademais dun feixe de paneis das vidreiras do século XIII.[1] A porta de madeira tamén é medieval.[2] O retablo foi montado no século XVII e está formado por pezas de varios retablos medievais.[1] O púlpito é do século XVII.[1]
Galería de imaxes
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Träkumla kyrka". Svenska Kyrkan. Consultado o 16 de agosto de 2018.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 "Träkumla kyrka". Riksantikvarieämbetet. Consultado o 16 de agosto de 2018.