Unha homoplasia en sistemática biolóxica consiste na ganancia ou perda dun trazo de forma independentemente en liñaxes separadas durante a evolución. Esta evolución converxente fai que as especies compartan independentemente un trazo que é diferente do trazo que se infire que estaba presente no seu antepasado común. Por tanto, esta similitude dun estado de carácter en diferentes especies, ao contrario da homoloxía, non provén dun antepasado común.
A homoplasia identifícase pola observación de que unha característica dada non pode ser explicada parsimoniosamente nunha hipótese filoxenética preferida, é dicir, a característica en cuestión orixínase (ou desaparece) en máis dun punto dunha árbore. Esta é a interpretación cladística do fenómeno evolutivo da ganancia ou perda da característica. Por exemplo, a ausencia de ás nas pulgas é unha perda homoplásica (as ás tamén se perderon en membros de moitos outros grupos de insectos, incluíndo escaravellos, moscas, avelaíñas, formigas, etc.), e a presenza de membranas timpánicas nas avelíñas das familias dos xeométridos e noctuidos representa dúas orixes separadas (no abdome nos primeiros e no tórax nos segundos), que probablemente evolucionou en resposta ás chamadas de ecolocación nocturnas de morcegos insectívoros. Nas secuencias de ADN, a homoplasia pode simplemente ser o resultado de substitucións nucleotídicas aleatorias que se acumularon co tempo, e así pode non requirir unha explicación evolutiva adaptacionista. As definicións e a discusión da homoplasia pode encontrarse en:[1],[2] e [3].
O termo homoplasia foi utilizado por primeira vez por Ray Lankester en 1870.[4]
Notas
- ↑ Wiley, E. O. 1981. Phylogenetics. John Wiley and Sons, New York.
- ↑ Sanderson, M. J. and L. Hufford, eds. 1996. Homoplasy. Academic Press, San Diego.
- ↑ Schuh, R. T. and A. V. Z. Brower. 2009. Biological systematics: principles and applications. Cornell University Press, Ithaca, NY.
- ↑ Lankester, E. R. 1870. On the use of the term homology in modern zoology, and the distinction between homogenetic and homoplastic agreements. Ann. Mag. Nat. Hist. (4th Ser.) 6:34-43.