O val do río Mapocho, lugar de paso de nómades cazadores-recolectores dende o neolítico, non tivo ata o século IX os primeiros asentamentos sedentarios de comunidades agrícolas nas beiras do río.
Despois, a finais do século XV ou comezos do XVI, o Imperio Inca conquistou a rexión colonizándoa con mitimaes (poboados de reasentamento). Semella que o principal estaba no centro da actual cidade. Outros vestixios incas son a Huaca de Chena (sur da área metropolitana) e un santuario nas abas do Cerro El Plomo (nordeste). En todo caso o lugar era nó do Camino del Inca na expansión do imperio cara ó sur.
Fundación e colonia
Por dita calzada chegaron os españois na súa conquista. Primeiro Diego de Almagro en 1536 e despois Pedro de Valdivia en 1540. Este último decidiu fundar en 1541 a cidade de Santiago de Nueva Extremadura na beira sur do Mapocho, aos pés do Cerro Huelén (Santa Lucía) polo leste. Ademais, un brazo do río protexía o límite meridional (La Cañada) [1][2].
A planta do alarife Pedro de Gamboa era a prototípica do urbanismo colonial hispano: un dameiro de cuadras cun baleiro central para a Praza Maior coas institucións principais de goberno (casa do gobernador, cabido, catedral) [3].
Apenas sete meses despois resulta destruída por un ataque indíxena. Reconstrúese de seguido, pero coma campamento militar, e a praza renoméase Praza de Armas (nome que mantívose ata o presente). En 1607, a Real Audiencia aséntase definitivamente en Santiago, o que marca o seu comezo como principal cidade e capital da Capitanía Xeneral de Chile. Comeza a gañar poboación a pesar dos frecuentes desastres, dos cales, o terremoto de 1647 está a punto de estudar o traslado da cidade.
Século XVIII e Independencia
Na segunda metade do século o corrixidor L.M.Zañartu, xunto a un férreo control da criminalidade, leva a cabo a construción da ponte Calicanto sobor do Mapocho [4] (o que permitiu a integración na cidade do arrabal de La Chimba), e inicia os muros de contención para encamiñar as augas do río evitando as desastrosas crecidas.
Trala independencia en 1818, o pai da mesma, Bernardo O'Higgins, leva adiante obras de importancia para o desenvolvemento da capital da nova República de Chile. Sinaladamente, a conversión da Cañada (brazo meridional do Mapocho que facía de vertedoiro) na Alameda de las Delicias que se ha converter no paseo burgués por excelencia da cidade e futura arteria principal da metrópole. A carón dela polo norte tíñase erixido o Pazo da Moeda na praza homónima (1786-1812, futura sede da presidencia da república).
Capital republicana
Precisamente superando a antiga cañada cara o sur, o crecemento continuou durante o século XIX inda que desvirtuando o trazado en dameiro inicial [5]. Foron os anos da conversión de Santiago nunha cidade moderna con todas as institucións (educativas, culturais, administrativas) e servizos (rede de sumidoiros, transporte, ferrocarril en 1857). Da man do Plan de Transformación de Vicuña Mackenna de 1872, cabe destacar a adecuación do Cerro de Sta. Lucía coma parque e o Camino de Cintura, unha primitiva ronda circunvalatoria polo sueste.
Asemade, a riqueza xerada polas explotacións mineiras (especialmente o cobre) facilitaron o embelecemento da urbe con pazos e obras filantrópicas dos próceres. Así xurdiu o Parque Cousiño (hoxe O'Higgins) no que fora campo de manobras militares. A definitiva canalización do Mapocho implicou a demolición da antiga ponte de Calicanto (1889, substituído por actuais pontes de ferro).
Entre o último cuarto do século XIX e 1920 a poboación da capital cuadruplicouse (1875, 129.807h; 1920, 507.296h). Fixera a súa aparición a industria e axiña Santiago superou a Valparaíso coma primeiro centro económico do país. Un grande afluxo de inmigrantes do rural afincouse nela. En concreto nas numerosas comunas da periferia que resultaran da reorganización administrativa da municipalidade de finais do XIX.
Século XX
En 1910, centenario da independencia, aprovéitanse os terreos xurdidos da canalización do Mapocho para crear un parque xunto ao centro histórico, o chamado Parque Forestal. Na outra beira, a norte, crearase o gran Parque Metropolitano dende o Cerro San Cristóbal cara ao leste.
Coa crise de 1929 e o desplome da industria salitreira tivo lugar unha nova e inda maior explosión demográfica coa enorme inmigración de desempregados e do rural do resto do país.
As comunas do sur e poniente acollen as clases medias e traballadoras mentres as do leste, nas primeiras estribacións dos Andes, son maiormente residenciais das clases acomodadas. O centro histórico vai quedando baleiro.
O plan de K. Brünner de 1934 [6] certifica esa situación pero fai delo virtude. Concibe o centro como lugar administrativo (prevé un Barrio Cívico arredor do Pazo da Moeda [7]), de oficinas e comercio. E sobor de todo entende o conglomerado urbano como un organismo interdependente que é preciso pensar por enteiro, punto de arranque do actual Gran Santiago, unha metrópole que se achega aos sete millóns de habitantes.