Herminia Borrell era filla do albanel de Camariñas emigrado en Cuba Máximo Rodríguez Borrell e María Luisa Feijóo, filla do militar ao cargo do enxeño azucreiro onde aquel traballaba.[4] Destacou entre os círculos de sociedade coruñeses e a súa festa de posta de longo celebrouse no Pazo de Meirás, grazas á anfitrioa Emilia Pardo Bazán.[2]
Malia as reservas por parte das dúas familias, Herminia Rodríguez-Borrell Feijoo e Nubar Gulbenkian casaron en Londres na Prince's Row Registry Office en 1922. Á cerimonia só asistíu a nai de Herminia e a súa tía Lala.[5] O acto relixioso polo rito armenio tivo lugar nunha das habitacións do Ritz en Londres, hotel onde a parella se aloxou durante o primeiro ano de casados.[6] Pola súa oposición ao matrimonio, Gulbenkian deixou de recibir axuda económica do seu pai.[7] Finalmente, Herminia foi repudiada.[8] Logo do seu divorcio, a finais dos anos vinte, trasladouse ao pazo de Sigrás, en Cambre (A Coruña), aínda que tamén tiña propiedades en Carballo e Camariñas.[4][9]
Foi unha muller moi moderna para o seu tempo, fumaba, vestía pantalóns e andaba en bicicleta.[2] Foi a primeira muller con carné de conducir en España e presidiu de xeito honorífico o Deportivo da Coruña.[10][2]
Familia
O seu irmán Max casou en 1936 con María del Carmen Álvarez de Sotomayor Castro, filla do pintor Fernando Álvarez de Sotomayor. A propia Herminia actuou como madriña.[11]