Harry Potter e as reliquias da morte (1ª parte) é unha película de fantasía e drama[1][3] dirixida por David Yates e a primeira das dúas baseadas na novela homónima escrita por J. K. Rowling. É o sétimo filme da serie de filmes de Harry Potter. Foi escrito por Steve Kloves e producido por David Heyman, David Barron e Rowling. A historia céntrase na busca que emprende Harry Potter co obxectivo de atopar e destruír os Horcrux que proporcionan inmortalidade a Lord Voldemort. A película está protagonizada por Daniel Radcliffe como Harry Potter, con Rupert Grint e Emma Watson como os mellores amigos de Harry, Ron Weasley e Hermione Granger. O resto do elenco inclúe a Ralph Fiennes, Helena Bonham Carter e Alan Rickman.
O filme tivo a súa estrea en todo o mundo en cines 2D e IMAX o 19 de novembro de 2010.[4][5][6][7] A produción do filme comezou o 19 de febreiro de 2009 e rematou o 12 de xuño de 2010.[8]
Durante a fin de semana despois da súa estrea, esta primeira parte recadou 330 millóns de dórales, a máis alta do ano 2010.[9] A recadación nas salas internacionais ascende a 954,5 millóns de dólares estadounidenses,[10] converténdoa na terceira película con maiores recadacións de 2010 detrás de Toy Story 3 e Alice in Wonderland.[11].
Sinopse
Despois dos acontecementos ao final do ano anterior Harry, Ron e Hermione van á procura e destrución dos Horcrux que proporcionan inmortalidade a Lord Voldemort. Suponse que é o seu sétimo e último ano de estudos en Hogwarts, pero a desorde no Ministerio de Maxia e o alzamento no poder do Señor Escuro evitan a súa asistencia. Os tres amigos emprenden un camiño que os levará a loitar contra os Devoradores da Morte e a descubrir os poderes das reliquias da morte. Asemade, a conexión entre Harry e a mente de Voldemort faise máis forte.
Elenco
- Daniel Radcliffe como Harry Potter, protagonista do filme.
- Rupert Grint como Ron Weasley, mellor amigo de Harry.
- Emma Watson como Hermione Granger, mellor amiga de Harry.
- Helena Bonham Carter como Bellatrix Lestrange, unha das Devoradoras da Morte máis leais a Lord Voldemort.
- Robbie Coltrane como Rubeus Hagrid, o gardabosques e profesor de Coidado de Criaturas Máxicas en Hogwarts.
- Warwick Davis como Griphook, un sumicio e antigo empregado no Banco Gringotts.
- Ralph Fiennes como Lord Voldemort, o meigo escuro, que busca conquistar o mundo máxico.
- Michael Gambon como Albus Dumbledore, o antigo director de Hogwarts, asasinado por Severus Snape.
- Brendan Gleeson como Ollotolo Moody, antigo profesor de Defensa contra a Maxia Negra e membro da Orde do Fénix.
- Richard Griffiths como Vernon Dursley, tío muggle de Harry.
- John Hurt como Ollivander, variñeiro secuestrado polos Devoradores da Morte.
- Rhys Ifans como Xenophilius Lovegood, o escéntrico pai de Luna, amiga do trío protagonista.
- Jason Isaacs como Lucius Malfoy, o pai de Draco Malfoy e un dos Devoradores da Morte.
- Bill Nighy como Rufus Scrimgeour, o novo Ministro de Maxia.
- Alan Rickman como Severus Snape, un espía entre os Devoradores da Morte e o novo director de Hogwarts.
- Fiona Shaw como Petunia Dursley, tía muggle de Harry.
- Timothy Spall como Peter Pettigrew, o Devorador da Morte que traizoou os pais de Harry.
- Imelda Staunton como Dolores Umbridge, a subsecretaria do Ministerio e xefa da Comisión de Rexistro da Descendencia Muggle.
- David Thewlis como Remus Lupin, antigo profesor de Defensa contra a Maxia Negra e membro da Orde do Fénix.
- Julie Walters como Molly Weasley, a matriarca dos Weasley e figura maternal para Harry.
- Devon Murray como Seamus Finnigan, amigo de Harry.
- Matthew Lewis como Neville Longbottom, amigo de Harry.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas