Hans-Jörg Kellner

Modelo:BiografíaHans-Jörg Kellner
Biografía
Nacemento3 de decembro de 1920
Múnic, Alemaña Editar o valor en Wikidata
Morte25 de xuño de 2015 (95 anos).
Múnic.
País de nacionalidadeAlemaña Alemá.
Educación Universidade de Múnic.
Tese académica'Die römischen Fundmünzen aus dem nördlichen Teil von Raetien.
Director de teseJoachim Werner.
Actividade
Campo de traballoNumismática e arqueoloxía
Ocupaciónarqueólogo, profesor universitario, prehistoriador, numismático Editar o valor en Wikidata
EmpregadorInstituto Arqueolóxico Alemán.
Membro de
Premios
2005: Eligiuspreis.

Hans-Jörg Kellner, nado en Múnic o 3 de decembro de 1920 e finado na mesma cidade o 25 de xuño de 2015, foi un numismático e arqueólogo alemán especializado na arqueoloxía e na numismática provincial romana.

Traxectoria

Primeiros anos e formación

Hans-Jörg Kellner naceu en Múnic en 1920, fillo do empregado de banca Max Kellner e a súa esposa Gertrud,[1] e cursou o ensino secundario no Theresien-Gymnasium da súa cidade natal.[2]

A súa formación viuse interrompida primeiro polo servizo laboral e logo polo servizo militar, que comezou na primavera de 1939 e que se prolongou por mor da segunda guerra mundial, ao que seguiron catro anos de cativerio en Rusia,[3] antes do seu regreso a Múnic en 1948.[1][2]

En 1949 ingresou na Universidade Ludwig Maximilian de Múnic, onde cursou uns estudos amplos que incluían Filosofía, Prehistoria e Historia Antiga, Numismática, Epigrafía, Ciencias Auxiliares Históricas e Historia Rexional de Baviera. En 1953 acadou o seu doutoramento nesa universidade, baixo a dirección de Joachim Werner, cunha tese titulada Die römischen Fundmünzen aus dem nördlichen Teil von Raetien ("As moedas romanas achadas no norte de Recia").[1][2][3]

Logo de finalizar o seu doutoramento, Kellner traballou durante varios anos na Oficina Estatal para a Conservación de Monumentos de Baviera.[3][4] Un dos grandes proxectos emprendidos nesa institución, a escavación do oppidum celta de Manching, conduciuno ao seu campo de actividade máis salientable: os achados monetarios do Estado de Baviera.[2]

Carreira numismática e arqueolóxica

A súa vinculación coa numismática comezou na súa infancia, cunha incipiente colección persoal de moedas, e aos 16 anos realizou a súa primeira visita á Colección Estatal de Moedas de Múnic, onde coñeceu o seu conservador, Hans Gebhart, por medio do cal ingresou na Sociedade Numismática de Baviera, á que pertenceu durante 78 anos, coa excepción do período da segunda guerra mundial e o seu posterior encarceramento.[1] Entre 1968 e 1971, Kellner presidiu esta sociedade,[5] e logo permaneceu durante anos como membro da súa xunta directiva, e finalmente foi nomeado presidente honorario en 2013.[1]

A súa tese de doutoramento serviulle como punto de partida para a serie de publicacións Die Fundmünzen der Römischen Zeit in Deutschland, sobre os achados de moeda romana en Alemaña, que fora iniciada por Hans Gebhart e Konrad Kraft na década de 1960. Nesta serie, Kellner ocupouse de seis volumes, nos que se catalogan as pezas achadas na Alta Baviera, Suabia, Francona Media, Baixa Baviera, Baixa Franconia, Alto Palatinado e Alta Franconia, publicados entre 1960 e 1978.[4][6]

Entre 1960 e 1984, Hans-Jörg Kellner foi o director da Colección Estatal de Prehistoria de Múnic.[3][4] O seu labor principal nesta institución era a reconstrución da colección central do Estado, que permanecera pechada desde 1939 por mor dos efectos da guerra. Ata 1975, a colección estivo aloxada temporalmente nas salas do Museo Nacional de Baviera, e a partir de 1976 foron abrindo na súa sede definitiva os diversos departamentos.[7] Durante este período, en 1977 Kellner logrou adquirir para a colección un gran tesouro celta de prata, descuberto na Alta Franconia e composto por varios centenares de quinqués,[8] e tamén importantes outros tesouros e moedas procedentes de escavacións arqueolóxicas. Logo da súa xubilación na Colección Estatal, Kellner recibiu numerosas condecoracións polas súas contribucións á numismática, á arqueoloxía e á historia rexional de Baviera.[3][9]

Kellner dirixiu durante case tres décadas (1962-1990) o anuario de prehistoria e historia antiga Bayerische Vorgeschichtsblätter, publicado pola Comisión de Historia Rexional de Baviera da Academia Bávara de Ciencias e Humanidades, unha institución da que fora elixido membro en 1961,[10] e na que ocupo o cargo de presidente segundo entre 1983 e 1993.[11]

Tamén foi o director da publicación numismática Jahrbuch für Numismatik und Geldgeschichte (JNG) entre 1961 e 1974,[3] no que publicou decenas de artigos,[12] centrados en diferentes períodos da historia monetaria e, en particular, sobre numismática celta e romana, con algunhas incursións na moeda medieval e moderna.[1][3] A finais da década de 1950, escribiu varios traballos numismáticos fundamentais acerca das moedas medievais cuñadas nas cidades de Landshut, Straubing, Passau e a cidade imperial de Nürnberg.[4][5]

Ademais de lle prestar atención á numismática, cabe sinalar tamén a dedicación de Kellner á arqueoloxía con importantes estudos sobre as vaixelas de terra sigillata decorada en relevo.[13] En 1960 ingresou na asociación Rei Cretariae Romanae Fautores —entidade que presidiu entre 1980 e 1990—, centrada no estudo da cerámica e, en particular, da terra sigillata no Imperio Romano.[14] Nesta entidade ocupou primeiro o cargo de secretario (1966-1971), logo o de vicepresidente (1971-1980) e finalmente o de presidente (1980-1999). Entre 1966 e 1974 dirixiu ademais a súa publicación periódica, Communicationes.[3]

Outras das súas investigacións arqueolóxicas centráronse en temas tan diversos como os diplomas militares romanos na provincia de Recia e os restos arqueolóxicos de culturas orientais, como o Imperio Nabateo, a Asia Menor e o Imperio de Urartu.[8][5]

No ámbito académico, en outubro de 1983, Kellner foi nomeado profesor honorario da Universidade de Passau, onde impartiu clases de Numismática e Arqueoloxía Provincial Romana durante unha década.[3][9][10]

Hans-Jörg Kellner faleceu en Múnic o 25 de xuño de 2015, aos 95 anos.[1][3][15]

Recoñecementos

Publicacións

Esta é unha escolma dos traballos monográficos máis salientables publicados por Kellner ao longo da súa traxectoria:[12][18][19]

  • (1957). Die Münzen der Freien Reichsstadt Nürnberg. Grünwald.
  • (1957). Das spätrömische Kellmünz. Wagner, Neu-Ulm.
  • (1958). Die Münzen der niederbayerischen Münzstätten. Grünwald.
  • (1960-1978). Die Fundmünzen der römischen Zeit in Deutschland. Abteilung I. Bayern. Berlín.
    • (1960). 1. Oberbayern.
    • (1962). 7. Schwaben.
    • (1963). 5. Mittelfranken.
    • (1970). 2. Niederbayern.
    • (1975). 6. Unterfranken.
    • (1978). 3, 4. Oberpfalz, Oberfranken.
  • (1971). Die Römer in Bayern. Múnic. ISBN 978-3799156769
  • (1973). Die Sigillatatöpfereien von Westerndorf und Pfaffenhofen. Stuttgart.
  • (1976). Prähistorische Staatssammlung: Museum für Vor- und Frühgeschichte. Führer durch die Römische Abteilung. Múnic.
  • (1978). Der römische Verwahrfund von Eining. Múnic. ISBN 978-3406004995
  • (1981). Der römische Schatzfund von Weißenburg (con G. Zahlhaas). Múnic/Zürich. ISBN 978-3795405007
  • (1990). Die Münzfunde von Manching und die keltischen Fundmünzen aus Südbayern (con M. Overbeck e E. Kellner). Stuttgart. ISBN 9783515052757
  • (1991). Die Münzen der Reichsstadt Nürnberg. Suttgart. ISBN 9783980270601
  • (1995). Die Römer in Bayern (con W. Czysz, K. Dietz e T. Fischer). Stuttgart. ISBN 978-3806216004
  • (1997). Die Münzgeschichte des Hochstifts Passau: Ein Katalog der Münzen und Medaillen. Stuttgart. ISBN 9783980270656

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Ziegaus, B. (2015). Páxina 57.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Schmid, A. (2015) Arquivado 20 de decembro de 2023 en Wayback Machine.. Páxina 516.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 "Hans-Jörg Kellner (03.12.1920 - 25.06.2015). Our President from 1980 until 1990". Rei Cretariae Romanae Favtores (Fautores.org).
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Ziegaus, B. (2015). Páxina 58.
  5. 5,0 5,1 5,2 Schmid, A. (2015) Arquivado 20 de decembro de 2023 en Wayback Machine.. Páxina 518.
  6. Véxase "(1960-1978)" en Publicacións.
  7. Schmid, A. (2015) Arquivado 20 de decembro de 2023 en Wayback Machine.. Páxina 517.
  8. 8,0 8,1 Ziegaus, B. (2015). Páxina 59.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 Ziegaus, B. (2015). Páxina 60.
  10. 10,0 10,1 Schmid, A. (2015) Arquivado 20 de decembro de 2023 en Wayback Machine.. Páxina 519.
  11. Schmid, A. (2015) Arquivado 20 de decembro de 2023 en Wayback Machine.. Páxina 520.
  12. 12,0 12,1 "Hans-Jörg Kellner (1920-2015) Schriftenverzeichnis". Coingallery.de
  13. Schmid, A. (2015) Arquivado 20 de decembro de 2023 en Wayback Machine.. Páxina 518.
  14. Ziegaus, B. (2015). Páxinas 58-59.
  15. 15,0 15,1 Schmid, A. (2015) Arquivado 20 de decembro de 2023 en Wayback Machine.. Páxina 521.
  16. "Eligiuspreis der DNG". Deutsche Numismatische Gesellschaft.
  17. "Eligiuspreisträger 1996-2005". Deutsche Numismatische Gesellschaft.
  18. Zahlhaas, G. (2000). "Bibliographie Hans-Jörg Kellner". En Bayerische Vorgeschichtsbl, 65. Páxinas 349-360.
  19. "Ergänzungen zur Bibliographie von Hans-Jörg Kellner". En Bayerische Vorgeschichtsbl, 72 (2007). Páxina 421.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Dannheimer, H.; Schmid, A.; Wamser, L. (2000). "Festschrift für Hans-Jörg Kellner zum 80. Geburtstag". En Bayerische Vorgeschichtsblätter. Vol. 65.
  • Gebhard, R.; Ziegaus, B. (2015). "Im Gedenken an Hans-Jörg Kellner 3. Dezember 1920 - 25. Juni 2015". En Bayerische Vorgeschichtsbl. 80. Páxinas 227-232.
  • Kampmann, U. (2015). "Hans-Jörg Kellner (1920-2015)". En Münzen Woche. 8 de xullo de 2015.
  • Schmid, A. (2015). "Nachruf Hans-Jörg Kellner (1920-2015) Arquivado 20 de decembro de 2023 en Wayback Machine.". En Zeitschrift für bayerische Landesgeschichte. Vol. 78. Nº 2. Páxinas 516-521.
  • Ziegaus, B. (2015). "Hans-Jörg Kellner (1920-2015)". En Compte Rendu 62. International Numismatic Council. Páxinas 56-61.
  • Ziegaus, B. (2015-b-). "Hans-Jörg Kellner (1920-2015)". En Jahrbuch für Numismatik und Geldgeschichte, 65. Páxinas 383-391.
  • "Spurensuche. Festschrift für Hans-Jörg Kellner zum 70. Geburtstag". En Kataloge der Prähistorischen Staatssammlung. Supl. 3. 1991. ISBN 3-7847-5182-2
  • "Zum 80. Geburtstag unseres Initiators und Mitbegründers Prof. Dr. Hans-Jörg Kellner". En Mitteilungen der Freunde der bayerischen Vor- und Frühgeschichte. Nº 96, 22. Decembro de 2000. Páxinas 2-10.

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!