Os grupos prostéticos son compoñentes non formados por aminoácidos, que están fortemente unidos a certas proteínas, xeralmente de modo covalente. O conxunto formado polo grupo prostético e a parte formada por aminoácidos constitúe a proteína completa, chamada heteroproteína. Un exemplo de heteroproteína é a mioglobina, na cal o grupo prostético é un grupo hemo. Moitas proteínas con grupo prostético son encimas, e neles o grupo prostético funciona como un cofactor necesario para que o encima realice a súa catálise. Un exemplo de encima deste tipo é a piruvato carboxilase, cuxo grupo prostético é a biotina.
Cando a unión do cofactor (orgánico ou inorgánico) non é forte nin permanente durante toda a catálise non debe considerarse como grupo prostético.