O Grupo de Teatro O Facho foi creado en 1965 por membros da Agrupación Cultural O Facho, un colectivo de intelectuais galegos que desenvolveron unha serie de actividades culturais en prol da defensa da lingua galega nos anos da ditadura.
Antecedentes: Posguerra e lenta recuperación
A instauración do Franquismo en 1936 trouxo consigo a represión sistemática do movemento nacionalista encabezado polas Irmandades da Fala e polo Grupo Nós.[Cómpre referencia] A partir de entón, o teatro vería reducida progresivamente a súa presenza no eido cultural até deixar de se manifestar en foros abertos. Con todo, a partir de 1950 tiveron lugar diversos acontecementos que propiciaron a revitalización da conciencia galeguista, como a morte de Castelao no exilio ou a iniciativa por parte dun grupo de intelectuais de promover un galeguismo de corte culturalista e que estivera ausente de calquera intencionalidade política, nacendo así a editorial Galaxia, cuxos proxectos estabelecerían unha ponte de unión entre autores de pre-guerra e de posguerra.
Durante a posguerra fóronse dando as condicións propicias para o florecemento do teatro independente. O ascenso económico e sociocultural da pequena burguesía crearía un ambiente favorábel para a progresiva introdución de tímidas reformas teatrais que, co decorrer do tempo, redundarían na redución da distancia intelectual entre as clases sociais e na eliminación das relacións capitalistas no mundo escénico.
A desgaleguización e a paralela desruralización fixo que se tomase consciencia da necesidade de “regaleguizar” o país. Non obstante, en Galiza non existía unha burguesía con sentido de clase nin economicamente forte que posibilitase o desenvolvemento dun teatro comercial galego. A nova dramaturxia habería de ser unha invención das clases medias que exixían non só a reivindicación lingüística ou unha medida de axitación, mais tamén unha reflexión sobre a nosa identidade dentro da historia.
Espallamento e configuración do teatro independente en Galiza
O teatro independente xurdira en Europa en oposición ao teatro burgués e se estendera pola Península Ibérica nos anos sesenta e setenta do século XX. Procuraba a recuperación da función social da arte escénica, o afastamento do teatro comercial –ligado ao capital e ás políticas estatais– e a renovación da produción dramática mediante o emprego de linguaxes experimentais. No eido formal, supuxo a ruptura coas fórmulas burguesas do realismo e naturalismo.
A recuperación do teatro galego por medio do independentismo teatral foi posible fundamentalmente a través da chegada a Galiza dunha serie de espectáculos do teatro independente español e afianzouse co contacto co teatro independente portugués. Até entón producíranse algunhas tentativas de recuperación do teatro galego, non obstante a situación non mudaría de xeito significativo até o triunfo do teatro independente fronte o obsoleto Teatro de Cámara e Ensaio. O teatro independente erixiuse como unha potente ferramenta de concienciación ideolóxica e reclamante do galego a través do cal acadouse a creación dunha dramaturxia propia en lingua galega.
Así, en 1965 nacería o Grupo de teatro independente -chamado comunmente grupo teatral O Facho-, un colectivo formado por integrantes das «Juventudes Comunistas» e dirixido por Manuel Lourenzo (membro da Asociación Cultural O Facho), que estaba destinado á representación exclusivamente en lingua galega. As súas actividades iniciáronse en agosto de 1965 no salón de exposicións da Casa da Cultura da Coruña. Dito grupo foi precursor directo do Teatro O Circo da Coruña, fundado e dirixido por Manuel Lourenzo e que acadaría o absoluto protagonismo durante os últimos anos da década dos sesenta. Membros do grupo teatral O Facho pasarían a formar parte do seu elenco.
A aparición en escena do grupo teatral O Facho propiciou, xunto coa posterior fundación do Teatro o Circo, a consolidación do teatro independente no país. Posteriormente, seguindo o exemplo do Teatro O Circo –o primeiro plenamente independente de Galiza– aparecerían novas formacións dramáticas que converterían esta etapa na máis activa da historia galega teatral.
Composición e Membros do Grupo de Teatro O Facho
O Grupo de Teatro O Facho abrangue destacadas personalidades intelectuais galegas. Durante a súa historia, o Grupo experimentou diferentes cambios na dirección, así como continuadas modificacións en canto ao amplo elenco de actores e actrices que participaban nas representacións, por mor de diversos motivos (estudos, laborais, persoais etc.).
Foron directores en diferenciadas épocas: Manuel Lourenzo, actor, dramaturgo, director teatral, conferenciante, tradutor galego, e dinamizador de diferentes iniciativas teatrais; Francisco Pillado Mayor, escritor e persoeiro do mundo do teatro galego; Xosé Manuel Rodríguez Pampín, sacerdote católico, escritor, tradutor e dramaturgo galego en lingua galega; Ramiro Cartelle, destacado músico, crítico e difusor da música de Galiza; Xosé Ramón Rabón Lamas e Antón de Santiago.
Participaron na organización das lecturas e representacións destacadas figuras do panorama cultural galego como: Enrique Harguindey, escritor e tradutor galego; Xosé Manuel Beiras, político galego, líder do PSG e BNG; Xosé Luís Franco, escritor e avogado; Ramón Lugrís, xornalista e ensaísta; Isaac Díaz Pardo, empresario e artista, entre outros.
Cronoloxía da actividade do grupo de teatro
1ª Época. Director – Manuel Lourenzo
O Grupo de Teatro O Facho formouse en agosto de 1965, sendo dirixido, até agosto de 1966, por Manuel Lourenzo; os recitais da primeira actuación foron dirixidos por Francisco Pillado Mayor e os realizados en setembro de 1966, por Juan María Castro.
A estrea do Grupo tivo lugar na Sala de Exposicións da Casa da Cultura (Xardín de San Carlos), o 20 de agosto de 1965 e consistiu nun programa mixto, modestamente intitulado ensaio escénico en tres xornadas: as dúas primeiras cubríronse con correspondentes recitais de catro poemas de Sombra do aire na herba, de Luís Pimentel (“Enterro do neno probe”, “Canción de tres culleres”, “Xogo ruín” e “Galicia”) e de catro historias de Cousas de Castelao (“A marquesiña”, “A tola”, “Conto triste” e “Peza en dous lances”); a terceira xornada consistiu na representación da farsa O cabalo do cabaleiro, de Carlos Muñiz, en versión galega do propio director do grupo, unha farsa dun só acto que transcorre no cuarto de estar dunha familia burguesa. Participaron como actores: Mª Carmen San León, Manoli Corral, Luci Rey, Pura Barrio, Juan Mª Castro, Manuel Lorenzo, Inés Armesto, Antonio Arias, Alfredo Ferrreiro e Fernando Porto. Decorados e luces: Maximino Cacheiro; maquillaxe: Inés Armesto; música: canción “Can’t lovin’dat man”, de Bill Marx, arpa de Harpo Marx.
Polos meses de outubro e novembro, representouse no paraninfo da Escola de Maxisterio, O cabalo do cabaleiro, co mesmo elenco (substituído Ferreiro por M. Lorenzo) e gravouse en Radio Coruña a peza radiofónica “O santo grial”, de Nina Epton, en versión de Ramón Lugrís e nas voces de Manuel Lorenzo, Ramiro Cartelle, Fernando Porto, Chichi Paredes, Juan Mª Castro e José Manuel Vázquez.
O 7 de xaneiro de 1966 (16º cabodano do patriota rianxeiro), na mesma Casa da Cultura, realizouse a lectura dunha escolma de textos de Castelao, coa intervención de José Manuel Vázquez, Chichi Paredes, Fernando Porto, Ramiro Cartelle, Manuel Lorenzo, Pura Barrio e Juan Mª Castro, presentados por Manuel Varela. E o 8 de xaneiro, co mesmo motivo, gravouse, en Radio Nacional de España, unha escolma de contos de Castelao, nas voces de Francisco Pillado, María José Lorenzo e Manuel Lorenzo. O 6 de febreiro, nunha sala de festas de Oza dos Ríos, representáronse O cabalo do cabaleiro e máis “A feira dos criados”, fragmento de O señor Puntilla e o seu criado Matti, de Bertolt Brecht, unha sucesión de escenas que describen as aventuras dun rico propietario que quere desposar cun vello a súa filla Eva. Ela rexéitao xa que está namorada de Matti. Actuaron: José Manuel Vázquez, Fernando Porto, Antonio Arias, Manuel Lorenzo, Juan Mª Castro, José Ribeiros, Chichi Paredes, María José Lorenzo e Alfredo Ferreiro, a máis dos comparsas.
O 11 de abril léronse, na Sociedade da Gaiteira, contos de Castelao e representouse, novamente, O cabalo do cabaleiro, actuando Alfredo Ferreiro, Fernando Porto, Juan MªCastro, Antonio Arias, Manuel Lourenzo e Chichi Paredes, presentados por María José Lorenzo. En Radio Coruña fíxose, unha outra volta, o 25 de xuño, unha gravación de contos de Castelao, lidos por Chichi Paredes, Manuel Lorenzo e Alfredo Ferreiro. O 23 de agosto de 1966, no auditorio portátil de Festivales de España, instalado na praza de María Pita, e no marco do II Certamen de Teatro Nuevo, organizado polo concello, o Grupo de Teatro representa a obra de Max Frisch, en versión de Manuel Lourenzo e Enrique Harguindey, O señor Bonhome e os incendiarios, unha peza didáctica sen ensinanza que nos remite á realidade política. Foron actores: José Manuel Vázquez, Mª Dolores Paredes, Mª Carmen Deus, Fernando Porto, Juan Mª Castro, Manuel Lorenzo, Enrique Harguindey, María José Lorenzo, José Ribeiros, Juan Cejudo, Alfredo Ferreiro, Manuel Romero, Andrés Salgueiro e Eduardo Tejerina. Fixo o decorado Leopoldo Pérez. Banda sonora a cargo de Adolfo Ribas e luces de José Luís Cardero.
2ª Época. Directores – X. M. Rz. Pampín e R. Cartelle
O 2 de febreiro de 1970, no Circo de Artesáns, realizouse, dirixida por Xosé Manuel Rodríguez Pampín e Anrés Rey, a lectura de Antigona, de Jean Anouilh, en versión de Xosé L. Franco, R. Silva e Xosé M. Beiras. Leron: Enrique Lago, Ramiro Cartelle, Paula Vázquez, María Xosé Vázquez, Mª Pilar Allegue, Andrés Rey, Daniel Alonso, Xaquín Villar, Matías Cuba, Fernando Méndez, Ánxeles G. Rivas, Xosé Garrido, Rosa Quintana e Xurxo X. Montes.
No Colexio Nacional Mixto Curros Enríquez, o 30 de setembro, e dirixida por Ramiro Cartelle Álvarez, realizouse a lectura escenificada das obras O Mendiño e o can morto, de Bertolt Brecht, en versión de Xosé L. Rodríguez Pardo, unha peza de teatro breve con dous personaxes tan só: un emperador e un mendigo que teñen unha conversa que contén moita filosofía moral; e Auto do prisioneiro, de Ricardo Carballo Calero, obra de carácter claramente filosófico que xira ó redor da transcendencia e o problema do home de vivir encadeado e non libre, Neste caso, un home no cárcere por orde do seu propio pai.
En 1971, Ramiro Cartelle realizou, no local social, unha serie de catro Conversas de O Facho, consistentes na lectura, con ilustracións musicais, de diversos textos da nosa literatura. O 17 de maio, Días das Letras, no instituto Da Guarda, no acto de clausura do VII Curso de idioma da Agrupación Cultural O Facho, e baixo a dirección de Ramiro Cartelle, léronse poemas de Gonzalo López Abente, facéndose tamén unha evocación biográfica do poeta muxián.
O Día das Letras de 1972, dedicado ese ano a Valentín Lamas Carvajal, e tamén no acto de clausura do noso VIII Curso de idioma, O Grupo de teatro leu poemas e prosas (do Catecismo do Labrego) do autor ourensán, de quen se fixo unha evocación biográfica, todo baixo a dirección do mesmo Ramiro Cartelle.
En 1973, aínda o 16 de febreiro, esta volta baixo a dirección de Xaquín Villar Calvo e no Circo de Artesáns, O Grupo de Teatro levou a cabo un recital de poemas e cantigas de hoxe. Os poetas escollidos foron: Pimentel, Ferreiro, Díaz Castro, Tovar, Manuel María, Novoneyra, Graña, Franco G. Bondaño e L. Casanova.
Antón de Santiago Montero, acompañado ao piano por Ramiro Cartelle, interpretou: “Rosiña”, de R. Cartelle e Rosalía Castro, “Falarei-che de amores”, de R. Cartelle e Antón de Santiago, e “Canto á ledicia”, de L. van Beethoven e F. Schiller, en versión literaria e musical de R. Cartelle (coas dúas primeiras pezas, os intérpretes obtiveran, en 1971 e 1972, o 2º e 3º premios no certame musical de As San Lucas, de Mondoñedo).
3ª Época. Director – Xosé Manuel Rabón
Comeza nesta mesma época a terceira etapa, especialmente próspera, do Grupo de Teatro, baixo a dirección de Xosé Manuel Rabón Lamas, cubrindo un período de sete anos (1973-1979).
Na primavera de 1973, a petición de Antón de Santiago, Xosé Manuel Rabón Lamas acepta o cargo de director do Grupo Teatral. O Grupo de Teatro representa As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Carlos Casares, premio do concurso de teatro infantil convocado polo Facho, sendo todo un éxito. En Ribadavia, e no claustro aberto de San Domingos, para clausurar a I Mostra de Teatro Galego, organizada pola Agrupación Cultural Abrente, o 27 de maio de 1973, estreouse a peza infantil de referencia, cunha masiva asistencia de pequenos e grandes, procedentes de todo o país, e un grande suceso. Outras dúas representación tiveron lugar na Coruña, no Teatro da Caixa de Aforros (Ronda de Nelle), os días 2 e 9 de xuño seguintes, con crítica moi satisfactoria.
O 19 de maio de 1974, no marco dos actos programados polo Club Cultural Valle Inclán, estreouse a obra de Brecht. Os actores foron: Chelo Ares, Elisa Crespo, Xulia Mª Carballo, Remixio Iglesias, Antón de Santiago, Xaquín Villar, Xohán Guisán, Sabela V. Fandiño, Rosario Belda, Xosé Manuel Mahía e Dely Mouriz. Dos efectos especiais ocupouse Francisco Xavier Castro e a execución dos decorados foi de Xosé González Moro, seguindo fielmente os deseños de Seoane.
O Cantar dos cantares ou Galicia 1948, representouse en 1975, 1976 e 1977. No entanto, no ano do centenario de Ramón Cabanillas, a quen se adicou o Día das Letras, o Grupo de Teatro deu varios recitais: na Coruña (o 14 de maio), na clausura do XII Curso de Idioma), o Burgo (Culleredo, o 22), Nós (Oleiros, 5 de xuño), Cambados, O Barqueiro (Mañón, 0 15) e Ferrol (o 29), baseados nunha escolma poética do autor cambadés, baixo a dirección de Xaquín Villar, moitos deles coincidentes con representación do Cantar.
Dito 14 de maio, ao recital de poemas seguiu outro de lieder galegos, por Antón de Santiago e Ramiro Cartelle, cos seguintes títulos: “Un adiós a Mariquiña”, de Chané e Curros, “Aureana do Sil”, de Mompou e Cabanillas, “A neniña”, de Lens e Martínez González, e “Un sospiro”, de Berea e Martínez González.
Os recitais sobre Cabanillas seguiron a ter lugar en 1977: o 29 de xaneiro ofreceuse un na sede da Asociación de Veciños do Barrio das Flores, xunto coa representación de O Cantar. Tamén se deron cincuenta representacións de Paco Pixiñas e a nave espacial, de Celso Emilio Ferreiro e Isaac Díaz Pardo, o resultado da adaptación ao teatro dun romance de cego asinado por Arístides Silveira, pseudónimo de Celso Emilio, con debuxos de Isaac Díaz Pardo e música de Isidro B. Maizteguicon. Nestas representacións actuaron: Ramiro Cartelle, Amalia Gómez, Antón de Santiago, M°C. G Hortas, Miguel Pernas, Beatriz L. Novoa, Xerardo Couto, Pomba Tomé, Francisco Noya, Víctor Xan Pérez, M.ª Carme Lorenzo, Antón Ramos, Loli Bellón, Ignacio F. Ramudo, Isabel G. Quintenla, Xerardo Sánchez, Rosa M.ª Fernández, Xavier Lotes, Mela Montero, Xosé M. V Cruzado, Ana Rial, M.ª Fran Fernández, Chus Rodríguez e Patricia Pena, coa colaboración especial de Andrés Rey. Interpretou a música Carlos García Pardo, a sonorización correu a cargo de F.Xavier Castro, a maquillaxe e os decorados, de Maribel Longueira e a luminotecnia, de Tomás Pena, actuando como axudante de dirección Víctor M. Rodríguez.
1978-1979 son os últimos anos da que se pode considerar a idade de ouro do Grupo de Teatro. Pouco antes (verán de 1979) do proxecto Luís Seoane, os colectivos Grupo de Teatro O Facho, Escola Dramática Galega e Teatro Experimental Tespis propuñan ao concello o estabelecemento dun pequeno teatro municipal da Coruña, proposta que, segundo é sabido, non prosperou. Aínda máis, en decembro, o proxecto tiña evolucionado, con idéntico resultado, cara a unha aula municipal de cultura, a localizarse no Quiosco Alfonso.
Sucédense varias actuacións do Grupo de Teatro, representando O retábulo da peste, de Ingmar Bergman, peza dramática dun só acto, en versión de Ramiro Cartelle. A historia é moi simple; un cabaleiro volve co seu escudeiro tras dez anos de cruzadas ao seu país que está asediado pola peste. Aquí aparecen unha serie de personaxes: unha meiga, un ferreiro e a súa esposa, a virxe María e a muller do cabaleiro. Estes personaxes no final da obra atoparanse coa morte. O calendario de representacións foi o seguinte: maio (Ribadavia) e agosto (A Coruña – Praciña das Bárbaras, II Xornadas de Teatro Galego). O 16 de novembro, por outra parte, os membros do Grupo de Teatro leran, no Quiosco Alfonso, os poemas dos autores galardoados no II Concurso de Poesía O Facho.
4ª Época. Director – Xosé Fernando Martínez
En 1980 teñen lugar varias representacións de O retábulo da peste, de Ingmar Bergman. Participaron: Miguel Pernas, María G. Hortas, Amalia Gómez, X.M Vázquez Cruzado, Beatriz López-Novoa, Carmen Creo, Raúl, Teresa Castro, Beatriz e Alberto Valeiro.
Algúns anos pasaron até que o Grupo de Teatro volta á vida da man de Xosé Fernando Martínez Gallego, coa estrea, o 25 de marzo de 1984, e no Colexio Liceo La Paz, dentro do ciclo Cultur Oza 84, de Petición de man, de Anton Chekhov, en versión de F. Pillado Mayor e coa participación de Carlos C. Martínez, Fernando Martínez e May Vidal.
O 12 de maio, O Grupo de Teatro participa, cun recital dramático, no centro penitenciario da cidade. 0 19 de maio seguinte o Grupo de Teatro estrea, en Nós, e chamado pola Asociación de Veciños Os Rueiros á Casa do Povo, Panchiño, de Osvaldo Dragún, en versión de F. Pillado Mayor. Dirixida polo mesmo X. Fernando Martínez, coas luces a cargo de Miguel Anxo Castro, a representación correu a cargo de Ana Sánchez, Xoán Manuel Ríos, Beatriz G. del Río, Sara Quintenla e Xavier Gómez Pan.
No ano 1985, o actor do Grupo Xavier Gómez Pan representou en varias ocasións o monólogo de A. Chekhov, en versión de F. Pillado Mayor. O 17 de maio de 1986, X. Fernando Martínez dirixiu en Muros a estrea de Os cravos de prata, de Nicolás Bela en versión de F. Pillado Mayor. No elenco de actores figuraron: Sara Quintela, Carmen Vázquez, Santiago Prego, Ana Sánchez, Maite Vilar, Ánxeles Vidán, Olga Otero, Víctor Blanco, Beatriz del Río e Xavier Gómez Pan. O deseño, realización, escenografía e vestiario foron de Xavier Garaizábal e a montaxe, do Grupo, coa colaboración de Fanni Brañas e María de la Iglesia. A música pertenceu a Manuel Balboa. O 21 e 22 de xuño representouse na sala Luis Seoane, da Coruña. O 27 de setembro púxose no centro penitenciario. Os ensaios leváronse a cabo na Escola Dramática Galega.
5ª Época. Director – Antón de Santiago
Outros poucos anos han de pasar para que O Grupo de Teatro, agora baixo a dirección de Antón de Santiago, volva aos escenarios, e faino con dúas obras curtas que conforman un só espectáculo de humor: Xan Barallocas, de Giovacchino Forzano, en versión do director do Grupo, fundamento da trama da ópera de Puccini que é un comentario anónimo florentino sobre A Divina Comedia de Dante Alighieri; e Anxélica nas portas do Ceu, de Eduardo Blanco Amor.
Con escenografía de Francisco Vila, actuaron nas dúas comedias: Teresa Taboada, Xosé Rei, Roberto Gómez, Eva Veiga, César Cambeiro, María Xosé Fernández, Paco Vila, Ernesto Regueiro, Vicente García, Antón de Santiago, María do Mar Santiago, Agustín Hervella, Carlos Carretero, Luisa Fernández-Miranda e Teresa Gómez. A estrea tivo lugar o 28 de xuño de 1990 no Teatro Calvo Sotelo (Cidade Escolar). Os ensaios fixéranse no Colexio Labaca. O 19 de decembro, celebrando os 25 anos da fundación do Grupo de Teatro, tivo lugar, no Centro Fonseca, unha mesa redonda, con algún dos directores que foran do mesmo: F.Pillado Mayor e Xosé M. Rabón, ademais do director nese momento, A. de Santiago, que falaron da Función do teatro amador no panorama teatral galego. O día 20 de decembro, no Teatro Colón, tiveron lugar dúas representación do espectáculo de humor citado, con entradas a prezo reducido para estudantes, que acudiron masivamente.
Véxase tamén
Bibliografía
- Agrupación Cultural O Facho. A Agrupación Cultural O Facho: A Coruña na cultura Galega. A Coruña (1991).
- Lourenço Módia, Cilha. Tese de doutoramento: O Teatro Circo na configuración do teatro independente galego: (1967-1978). Universidade da Coruña (2012).
- Lourenzo, Manuel; Pillado Mayor, Francisco. Dicionario do Teatro Galego. Edicións Sotelo Blanco. A Coruña (1987).
- Lourenzo, Manuel; Pillado Mayor, Francisco. O Teatro Galego. Ediciós do Castro. A Coruña (1979).