O Gran Selo dos Estados Unidos[1] é un signo para a certificación de documentos utilizado nos Estados Unidos de América, país que non conta cun escudo heráldico propiamente dito. Na composición figura o lema nacional: E Pluribus Unum, que significa en latín "de varios, un" ou "de moitos, un". O selo aparece no reverso dos billetes dun dólar.
O Congreso dos Estados Unidos aprobou o 20 de xuño de 1782 o modelo actual e único vixente ata o momento que foi presentado por unha comisión designada para a súa creación presidida por Benjamin Franklin e os seus elementos foron ideados por Charles Thompson.
Anverso
No anverso do mencionado selo, figura unha aguia de cabeza branca, co brasón dos 13 estados primeiros unidos como confederación. (comunmente coñecida como aguia calva ou aguia mariña de cabeza branca), coas ás estendidas, que porta sobre o seu peito un brasón con trece varras verticais, de goles e prata, alternadas que simbolizan os trece primeiros estados que se independizaron de Gran Bretaña e crearon a Federación. Na parte superior figura outra franxa horizontal en azur. A aguia sostén nas súas garras unha rama de oliveira con trece follas e trece frechas. A rama de oliveira significa paz e as frechas poder militar. Sobre a cabeza da aguia figuran trece estrelas agrupadas que representan tamén aos trece primeiros estados da Federación.
Reverso
O reverso do selo mostra unha pirámide incompleta con trece chanzos (os trece estados iniciais), coroada por un triángulo cun ollo inscrito (o "Ollo da Providencia", tradicionalmente símbolo de Deus) e os lemas latinos "Annuit Coeptis" ("Aprobar as cousas que se iniciaron") e "Novus Ordo Seclorum" ("Nova Orde dos Séculos"). Unha versión deste debuxo figura tamén no reverso dos billetes de 1 dólar estadounidenses. Os símbolos deste reverso foron relacionados coa masonería, pois moitos dos próceres da independencia dos Estados Unidos eran masóns, pero ao momento da creación do selo o Ollo da Providencia non era un símbolo masón.