Gorka Palacios Alday, nado en Barakaldo o 17 de outubro de 1974, é un terrorista da organización Euskadi Ta Askatasuna (ETA) que foi xefe militar da mesma xunto a Ibon Fernández Iradi.
A policía española considerouno integrante do Comando Larrano de ETA que estivo activo no verán de 1996 colocando diversas bombas en Málaga, Almuñecar, Granada e Xaén. Fuxiu de Barakaldo en 1997 e formou parte do Comando Donosti e despois do Comando Madrid, participando no atentado que custou a vida ó tenente coronel Jesús Blanco, o 21 de xaneiro de 2000, e que supuxo a ruptura da tregua de ETA co goberno de José María Aznar.
Foi detido en Francia no 2003 e condenado xunto a Ibon Fernández Iradi en novembro de 2009 a 18 anos de prisión como xefe militar de ETA. Foi entregado a España provisionalmente en marzo de 2010 para ser xulgado nun dos múltiples casos que tiña pendentes. En setembro de 2010, foi condenado a 83 anos de prisión pola Audiencia Nacional de España por asasinato terrorista, estragos terroristas, catro delitos de lesións terroristas e 16 faltas de lesións, no atentado do Comando Madrid en xullo de 2001 xunto a Aitor García Aliaga e Ana Belén Egües Gurrutxaga no que foi asasinado o policía nacional Luis Ortiz de la Rosa. Foi o primeiro membro de ETA condenado tras o cesamento do fogo da banda en 2010.[1]
Notas