Glauco (fillo de Minos)

Glauco (á dereita)

Glauco foi un personaxe da mitoloxía grega, fillo de Minos (rei de Creta) e de Pasífae.

Cando era meniño e mentres perseguía un rato, caeu nun cántaro de mel e afogou; Hixino afirma que tal aconteceu cando o rapaz estaba a xogar coa pelota [1]. Os adiviños deron con el e Minos puido recuperar o corpo. Os Curetes, que posuían dotes adiviñatorias, ou o mesmo Apolo, dixéronlle que aquel home que mellor soubese describir a cor dunha das vacas dos seus rabaños podería devolverlle vivo o fillo. Esta vaca tiña a particularidade de cambiar de cor tres veces ó día: á mañá era branca, logo vermella e á fin do día, negra. E ó día seguinte repetíase o cambio de cor [2].

Tras consultar inutilmente ós homes máis sabios do reino, só Poliido (ou Polyidos) soubo explicar o cambio de cor: a vaca tiña a cor das amoras, que comezan sendo brancas, vólvense vermellas ó ir madurecendo e terminan sendo completamente negras.

Amoras en distinto grao de madureza

Segundo Pseudo-Apolodoro, foi o propio Poliido que soubo onde estaba o corpo do meniño [3]. Tamén o di Hixino, guiado Poliido polo voo dunha curuxa:

"Poliido... veu unha curuxa pousada sobre unha adega, axotando unhas abellas. Interpretou o augurio e sacou da tinalla o corpo exánime do meniño".
(Hixino: Fábulas 136)

Minos, seguindo o consello de Apolo, díxolle que devolvese a vida ó seu fillo Glauco. Como Poliido contestase que non podía facer tal cousa, Minos encerrouno nunha cela co cadáver [4]. Poliido non sabía que facer, pero observou que entraba unha cóbrega e que ía cara Glauco, polo que a matou cunha pedra, por medo de que lle fixera algún mal ó cadáver e logo ter que pagar el as consecuencias. Ó pouco entrou outra cobra que, ó ver a primeira morta, volveu saír e entrou de novo portando unha herbiña na boca. A segunda serpe tocou coa herba o corpo da serpe morta e esta reviveceu inmediatamente. Entón, Poliido colleu axiña a herba e fregou con ela o cadáver de Glauco, que axiña volveu á vida [5].

Admirado dos poderes de Poliido, Minos prohibiulle abandonar Creta ata ensinar a Glauco todo o que sabía [6]. Poliido ensinouno e dispúxose a volver á súa patria Argos, pero no último momento pediu a Glauco que lle cuspise na boca. Glauco fíxoo e deste xeito devolveulle todo o que aprendera del. Ou ben foi el quen cuspiu na boca de Glauco, de modo que este esqueceu todo o aprendido.

"Poliido... colocou a mesma herba sobre o corpo de Glauco e fíxoo revivir. Cando Minos recuperou ó meniño, non permitiu a Poliido marchar a Argos sen que antes lle ensinase a Glauco a arte da adiviñación e Poliido, forzado a facelo, ensinoulla. Pero cando estaba a piques de marchar ordenoulle a Glauco cuspir na súa boca; ó facelo así Glauco esqueceu a arte da adiviñación".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 3, 1-2)

Notas

  1. Hixino: Fábulas 136.
  2. Segundo Hixino era unha becerra acabado de nacer no seu rabaño, que cambiaba de cor cada catro horas.
  3. Biblioteca mitolóxica III, 3, 1.
  4. Nunha tumba, segundo Hixino.
  5. Outros autores din que non foi Glauco senón Asclepio que o devolveu á vida: Pseudo-Apolodoro (Biblioteca mitológica III, 10, 3), e Hixino: "Dise que Esculapio, fillo de Apolo, resucitou a Glauco, fillo de Minos, ou a Hipólito. Por iso, Xúpiter matouno cun raio" (Fábulas 48).
  6. Hixino corta aquí o relato do mito, e di que Minos, agradecido, mandou a Poliido á súa patria colmado de regalos.

Véxase tamén

Bibliografía

  • BENAVENTE JAREÑO, P. e FERRO RUIBAL, X.: O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún. Xunta de Galicia, 2010, pp. 105-106.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!